Oficina CEER
 18-01-2016
REITOR E ALCALDE DA CORUÑA ESTREITAN A COLABORACIÓN ENTRE UDC E CONCELLO

A primeira visita institucional do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, foi esta mañá para tratar co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, temas relacionados coas dúas entidades. Concretamente, na reunión que tivo lugar en María Pita acordaron traballar conxuntamente para mellorar a mobilidade e o transporte dos universitarios aos campus coruñeses.

Segundo manifestou Abalde, “simbolicamente é importante que a primeira visita institucional fose á casa da cidadanía da Coruña e para tratar asuntos de interese para a comunidade universitaria”. O reitor adiantou que traballarán en estreita colaboración en temas de mobilidade, residencia universitaria, medio ambiente ou cultura que “redundará nunha mellora da situación para a Universidade da Coruña e para a cidadanía”, manifestou. Pola súa parte, Ferreiro concretou que en breve proseguiranse coas reunións de traballo mixtas entre a Universidade e o Concello, que xa comezaron no mandato do reitor Armesto, para avanzar nos temas pendentes.

Fonte: udc.es