Oficina CEER
 27-01-2016
UNIVERSIDADE DA CORUÑA E CONCELLO DE FERROL IMPULSARÁN O CAMPUS INDUSTRIAL

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, estiveron esta mañá no Concello de Ferrol, na súa primeira visita deste novo mandato, onde foron recibidos pola tenente de alcalde, Beatriz Sestayo, o concelleiro de Universidade, Suso Basterrechea, e o concelleiro de Deporte e Turismo, Bruno Díaz.

Ao remate da reunión, tanto a tenente de alcalde como o reitor coincidiron en resaltar a importancia da colaboración entre ambas as dúas entidades para desenvolver o proxecto de Campus Industrial de Ferrol que especializará o campus departamental e que supón unha forte aposta da Universidade da Coruña por Ferrol e a súa comarca. “O Campus Industrial ten que xogar un papel fundamental e que sexa un motor socioeconómico para Ferrol e a súa comarca”, manifestou Abalde. Sestayo asegurou que a relación existente entre o Concello e a Universidade recibirá “un enorme impulso” e que o proxecto da UDC do Campus Industrial enmarcarase dentro da Axencia Industrial que o Concello porá en marcha.

Pola súa banda, Basterrechea insistiu en que Universidade e Concello “temos a mesma misión” e avanzou no seu desexo de “imbricar a universidade na sociedade ferrolá”. Finalmente, no encontro que os representantes académicos e municipais mantiveron cos medios de comunicación ao rematar a reunión, a vicerreitora Araceli Torres incidiu nas peculiaridades do Campus de Ferrol que o fan singular fronte a outros, e que conta con titulacións únicas no Sistema Universitario Galego ou con grupos de investigación que son referentes en España.

Fonte: www.udc.es