Oficina CEER
 21-03-2016
BÚSCANSE PROXECTOS DE ESTUDANTES PARA FINANCIAR CON ATA 5000 EUROS

A Rede Galega de Dinamización Xuvenil presentou este venres o Programa Iniciativa Xove.

Poden concorrer asociacións e grupos informais de mozos e mozas de 18 a 30 anos.

Á hora de querer transformar as súas ideas en proxectos reais, os mozos e mozas atópanse habitualmente con dificultades como a falta de financiamento ou a imposibilidade de acceder a axudas pola súa longa lista de requisitos e procedementos. Para contrarrestar esta situación, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia convoca cada ano o Programa Iniciativa Xove. Este venres, Julián Montoto, técnico na provincia de Ourense da Rede Galega de Dinamización Xuvenil, ofreceu unha charla-taller no campus no que explicou en detalle as características desta acción.

O 100% dos gastos
“O Programa Iniciativa Xove é un caladoiro moi atractivo para que atopedes financiamento para os vosos proxectos. Non deixedes de aproveitar a ocasión”, díxolle Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, ao alumnado e representantes de asociacións asistente. Segundo explicou Montoto, a iniciativa consiste nunha liña de axudas “pensadas para que os mozos e mozas poidan desenvolver ideas que, transformadas en proxectos e iniciativas de interese, poidan reverter no desenvolvemento profesional e persoal dos xóvenes e na sociedade en xeral”. Tras seis edicións, apunta, financiáronse arredor de 1000 proxectos nos que participaron arredor de 5000 mozos e mozas.

Poden solicitar estas axudas grupos informais de persoas de 18 a 30 anos, cun mínimo de cinco persoas e un máximo de oito. Tamén se poden presentar as asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á mocidade sen interese de lucro, e as súas respectivas federacións, sendo necesario que estean inscritas no censo oficial da dirección xeral. As seis áreas de actuación que contempla a convocatoria son actividades emprendedoras, educación non formal, inclusión, novas tecnoloxías e fomento do papel da muller. O financiamento, de ata 5000 euros, é de ata o 100% dos custes da iniciativa e o procedemento, recalcou Montoto, é “moi amable”, simplificado e moi tutelado co obxectivo de que “este primeiro contacto coa administración sexa positivo para os participantes”. O prazo para presentar propostas remata o 4 de abril.

Tomando exemplo
Nas seis edicións xa celebradas do programa, alumnado do campus de Ourente ten realizado diferentes proxectos ao seu abeiro. Un dos últimos levados a cabo é o Encontro Luso-Galaico de Radios Alternativas, organizado en outubro de 2015 polo Grupo Informal Radio Fedello, unha radio social, plural e aberta creada pola Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE. Grazas á axuda recibida, durante dous días representantes de oito radios e programas alternativos de Galicia e Portugal déronse no campus co obxectivo de intercambiar boas prácticas e de establecer redes de colaboración entre elas. Outro proxecto realizado no marco desta convocatoria foi Socialízate. Coa idea de que para conseguir que a xente se abra a relacionarse e a coñecer a outras persoas é preciso en moitas ocasións darlle unha escusa para facelo, o Grupo Informal Ocio para a Xuventude, creado para a convocatoria e liderado pola entón estudante Carolina Román, desenvolveu un programa no que se aprendía a elaborar cupcakes, a calcetar unha bufanda, a facer unha pulseira ou a defenderse fisicamente.

Fonte: duvi.uvigo.es