Oficina CEER
 28-03-2016
O ARQUIVO UNIVERSITARIO DA USC, UNHA FERRAMENTA PARA A APRENDIZAXE E A INVESTIGACIÓN A DISPOSICIÓN DE TODOS OS PÚBLICOS

A riqueza, variedade e transversalidade dos seus fondos converten o arquivo histórico da USC “ nun caso particular entre os arquivos de natureza universitaria”, afirma o seu subdirector Jaime Fariña, quen non dubida en cualificar este servizo como “unha das xoias escondidas e menos coñecidas da USC”. Na actualidade a renovación da súa páxina web marca o inicio dunha etapa na que o Arquivo Universitario da USC busca reivindicarse como ferramenta para a aprendizaxe e a investigación aberta á comunidade universitaria e á cidadanía interesada.

A súa existencia corre paralela á da propia USC xa que a súa posta en funcionamento asóciase á fundación e consolidación da USC ao longo do século XVI. Os documentos que acolle na actualidade “ son un reflexo da evolución e as transformacións sufridas pola institución dende as súas orixes”, engade Jaime Fariña. A importancia do fondo histórico universitario está directamente ligado á antigüidade da propia institución universitaria e “á importancia da propia institución docente no noroeste peninsular ao longo da Idade Moderna”, concreta o subdirector.

O Arquivo Universitario está constituído pola documentación administrativa e académica xerada pola Universidade ao longo da súa historia, así como por fondos documentais non universitarios adquiridos, doados ou confiados en depósito á USC. A súa misión inclúe a conservación, ordenación, clasificación e facilitar a consulta e uso da documentación tanto para a administración como para a cidadanía.

Os fondos do arquivo son de interese para un amplo abano de perfís e puntos de vista, aclara Jaime Fariña, dende historiadores, investigadores ou expertos/as en xenealoxía, ata “cidadáns con curiosidade ou interese na consulta de fondos históricos, materia prima para centenares de teses de doutoramento e publicacións da máis diversa índole”. En todo caso, os fondos son de acceso libre previa presentación do documento de identidade, coa limitacións marcadas pola normativa e o estado de conservación da documentación, engade o subdirector do servizo.

Material
Aínda que a maior parte dos fondos son en soporte papel, o arquivo conta cunha gran colección de pergameos medievais, planos de distintos edificios da cidade e cunha colección de mapas e cartas náuticas procedentes das distintas seccións. A maiores, dende hai anos, pon a disposición de investigadores/as e usuarios/as preto de tres millóns de imaxes dixitalizadas e datos de documentos de diferente fondos accesibles a través da rede. As novas tecnoloxías permiten neste senso “ garantir a integridade dos documentos e multiplicar as súas posibilidades de difusión”, engade Fandiño.

A mediados do século XIX, a USC converteuse nunha das dez universidades de distrito, ostentando o reitor a máxima autoridade para todos os niveis do ensino nese distrito. Así, os fondos do arquivo xurdidos desta época son “ferramenta imprescindible para o estudo ou a investigación de calquera faceta da educación na Galicia contemporánea dende as escolas infantís ata a ensinanza superior”. A maiores, ao longo do século XX o arquivo acolleu outros conxuntos documentais non universitarios: a sección municipal alberga o fondo histórico do Concello de Santiago e os desaparecidos de Enfesta, Sar e Conxo. Outro exemplo é a sección Clero, cun fondo que converte o arquivo nun “dos máis importantes centros para o estudo da economía e a sociedade galegas do Antigo Réxime”, explica o seu subdirector. Tamén está dispoñible unha sección dedicada ao Hospital Real que agrupa o arquivo desta institución benéfica dende o século XV e outra de Protocolos Notariais que recolle as matrices de todos os documentos escriturados ante fedatarios públicos en Santiago e arredores dende comezos do século XVI.

Despois de ocupar instalacións diversas ao longo da súa andaina, dende o ano 1990 o Arquivo ocupa un inmoble propio situado na zona histórica da cidade, un total de 2.590 m2 de espazo articulado en seis plantas, das que tres se dedican exclusivamente a depósitos documentais coas precisas condicións ambientais e de seguridade. O edificio conta con espazos e instalacións axeitados para usuarios internos e externos, incluíndo unha sala de conferencias e exposicións con capacidade para cincuenta persoas.

Novas misións
A actividade deste servizo universitario está facendo un esforzo para “reposicionarse e visibilizarse” como ferramenta de interese público e particularmente para a aprendizaxe ao servizo de toda a comunidade universitaria, indica Fariña. Neste senso, o Arquivo Universitario está aberto a colaborar en calquera actividade docente e recibe alumnado na fase de prácticas dos seus respectivos estudos de grao ou máster, así como doutros niveis de ensino.

Neste nova liña de traballo, o subdirector do servizo subliña como prioridade as actividades divulgativas e de difusión que redunden nun maior coñecemento dos fondos. Xunto este labor de promoción, o arquivo tamén conta cun taller especializado na restauración total ou parcial de documentos.

Fonte: xornal.usc.es