Oficina CEER
 24-05-2016
PROFESORES DA UDC PARTICIPAN NUN FESTIVAL DE DIVULGACIÓN CIENTÍFICA

Varios profesores e profesoras da Universidade da Coruña participan a semana vindeira nas tres xornadas de divulgación científica convocadas na Coruña dentro do festival Pint of Science. Na organización participan a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, os Museos Científicos da Coruña e a plataforma UDCbigbang, integrada por membros da comunidade universitaria. Esta iniciativa, con innovadoras fórmulas para facer máis asequible e amena a divulgación de temas científicos complexos, desenvólvese ao mesmo tempo en varios países do mundo. En España organízase en vinte cidades. As sesións divulgativas da Coruña terán como escenario a Cervezoteca Malte (rúa da Galera, 47) o luns 23), o martes (24) e o mércores (25) ás sete da tarde, con entrada libre.

Na sesión do luns, titulada xenericamente “Cerebro e estómago”, o profesor Casto Rivadulla falará sobre os límites do cerebro e Rosa García-Junco fará o propio sobre o anisakis e outros parásitos do pescado.

A xornada do martes inclúe senllas charlas de Vanessa Valdeiglesias sobre nanotecnoloxía e de Guillermo Lorenzo sobre o cancro. Para o mércores programáronse unha charla de Verónica Rojo sobre o olor corporal e outra na que Ana M. González falará sobre mutacións, tomando como pretexto os heroes dos cómics e do cinema.

Fonte: udc.es