Oficina CEER
 09-06-2016
A SELECTIVIDADE COMEZA A DICIR ADEUS TRAS 42 ANOS

Nos tres campus da Universidade de Vigo examínanse ata o venres 4496 estudantes.

A derradeira convocatoria arrancou con Machado, García Márquez, Buero Vallejo e Muñoz Molina.

4496 alumnas e alumnos de toda Galicia enfróntanse dende hoxe e ata o vindeiro venres nos tres campus da Universidade de Vigo aos temidos exames de selectividade. Non son unha xeración máis, son os protagonistas da última convocatoria dunhas probas que botaron a andar hai xa 42 anos e polas que pasaron, dende entón, medio millar de galegos e galegas. Moitas cousas cambiaron e outras, pola contra, permanecen inalterables: os mesmos nervios, as mesmas gañas de que este momento pase o máis rápido posible e un idéntico desexo, conseguir a prezada nota que lles dea acceso a titulación desexada e, con ela, ao futuro profesional soñado. Para informalos e aconsellalos sobre esa nova etapa que arrancará á volta do verán, o Siope instalou varios postos nos centros examinadores nos que se lles ofrece asesoramento sobre “bolsas, aloxamento, graos, trámites de acceso, admisión, etc”.

Situados xa cada un nos seus respectivos centros e tras comprobar que traían consigo a documentación necesaria, chegou a primeira proba: Lingua castelá e literatura. Nesta primeira toma de contacto puideron elixir entre unha opción cun comentario de texto sobre os refuxiados que se completaba con Antonio Machado, Crónica de una muerta anunciada de Gabriel García Márquez, o Romanticismo ou o teatro anterior á Guerra Civil, e unha segunda opción cun texto sobre a xestión das emocións dos adolescentes e preguntas sobre La Fundación de Antonio Buero Vallejo, Plenilunio de Antonio Muñoz Molina, poesía do século XX e o Realismo e Naturalismo. A primeira xornada completouse cos exames de Historia de España e Historia de Filosofía e, pola tarde, Lingua Galega e Literatura e Lingua Estranxeira.

2400 expectativas en Vigo
No campus de Vigo enfróntanse ás probas 2400 estudantes divididos en catro centros: 634 na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; 613 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; 597 na de Bioloxía e 556 en Filoloxía e Tradución. Ser os integrantes da última fornada que fai esta proba é un motivo polo que o alumnado se sente afortunado, xa que “dinnos que a reválida vai ser moito máis difícil, ademais de que á selectividade xa vas co título de Bacharelato”, sinala Pedro Rodríguez. Este alumno do Compañía de María vigués quere estudar Enxeñería Industrial e “ao ser unha titulación cunha nota de corte mínima non estou moi preocupado polo exame”. Caso contrario é o de Ana Parcero, do IES As Barxas de Moaña, que se xoga o seu futuro, polo que “intentarei facer o exame moi ben para poder entrar en Medicina e senón farei outra titulación da rama das ciencias como Bioloxía ou Química”, explica con resignación. Tamén estaban citados para a selectividade os cangueses Brais Oya e Laura Barreiro, procedentes do IES María Soliño de Cangas. Laura aseguraba que “as dúas opcións de comentario foron bastante fáciles, de temas actuais”e agarda sacar boa nota e ter boa media, “pois quero estudar Enfermaría e preciso dela”. Brais tamén estaba contento, mais recoñecía que non o levara moi preparado, “porque aínda empezara a estudar o luns”. El quere estudar Ciencias Políticas, polo que non está tan preocupado como a súa compañeira.

Moitos profesores e profesoras esperaban pacientes a saída do alumnado do primeiro exame, como Gemma Torreira, do Colexio Vigo de Redondela, que confiaba moito na preparación e na relaxación dos rapaces. Tamén se amosou algo intranquila por ser esta a última selectividade, xa que “non sabemos nada do que pasará nun futuro polo que estamos todos á expectativa”. Outros como Víctor Garví, docente do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo, están máis confiados e cren que unha proba como a nova reválida “chegará a estar tan asentada como o estivo ata agora a selectividade”.

1018 estudantes no campus de Ourense
En Ourense comezaron os exames de selectividade un total de 1018 alumnos e alumnas da provincia. 466 deles están a realizar as probas nas aulas da Facultade de Historia, 328 nas de Dereito e 224 nas de Ciencias Empresariais e Turismo. Coñecedores de que esta convocatoria é especial por ser a última, comezaron as probas cos mesmos nervios e inquedanzas que as xeracións que os precederon e de novo, tras o primeiro exame, viron que “é máis fácil do que pensaba”, como indicaba Daniel Paradela, estudante de Salesianos que aspira a converterse en enxeñeiro. Co esforzo feito ao longo do ano e “un pouco de sorte que compense” el e o seu compañeiro David Carneiro eran dos que confiaban en superar as probas de acceso á universidade sen dificultades.

Con algo máis de nerviosas estaban as estudantes do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense Olga Iglesias e Iria Álvarez, que aínda non teñen decidido que estudar no futuro. “O primeiro exame saíume regular, tiña que ter estudado máis”, recoñecía Iglesias. “Estaba moi nerviosa ao empezar porque pensaba que ía ser peor, pero non foi tan mal”, engadía Álvarez. A pesar das dificultades do actual modelo de acceso, as dúas mostráronse partidarias de manter a selectividade porque “a reválida tampouco nos convence”. Este tema era tamén recorrente entre o profesorado dos institutos que destacan que aínda que “parece que este formato se elimina, de momento son todos rumores e non temos nada confirmado”, apuntaba o docente Álex Portela, do IES Universidade Laboral de OurenNervios e esperanzas de máis dun milleiro de rapaces en Pontevedra “Ves coa idea de que vai ser moi difícil, pero máis ou menos é o que fixeches durante o curso”. Deste xeito exemplificaba Eva Bacariza, estudante do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, o paso dos nervios á calma que supón superar o primeiro dos exames destas probas de acceso á universidade, que reúnen a un total de 1078 mozos e mozas no campus pontevedrés. No mesmo senso pronunciábase tamén a súa compañeira Andrea Gil, quen agarda obter nestas probas a nota necesaria para retornar en setembro ao campus como alumna de Fisioterapia e incide en que “despois dunha noite sen durmir”, os nervios comezan a baixar tras pasar a primeira das probas.

Destes 1078 estudantes, 483 realizan estas probas na Escola de Enxeñaría Forestal e outros 595 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Entre eles, Brais Pereira, Omar Rodríguez e Tomás Manso, alumnos da extensión do IES Sánchez Cantón no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que ven necesaria “unha proba obxectiva, na que todo o mundo faga o mesmo exame”, despois de completar o bacharelato, aínda que tamén poñen sobre a mesa, que pese a ser algo “necesario, son tamén moitos exames para tan poucos días”, como recoñece Rodríguez, que engade que, máis aló dos nervios iniciais, “se o levas estudado, non é máis que un exame máis”. Nesa mesma liña incide a profesora do IES Miguel Ángel Estévez, de Vilagarcía, Eva Mouriño, que acompañaba na EE Forestal a un alumnado “nervioso máis porque o lugar é descoñecido e os profesores son outros, que polo exame propiamente, porque están afeitos durante todo o ano a probas semellantes”, ao tempo que recoñece que “nalgunha medida, a selectividade é para eles unha proba de madurez”.

As notas o vindeiro día 17
Tras uns merecidos días de descanso, os estudantes poderán coñecer, a través do correo electrónico, as súas cualificacións o vindeiro día 17 a partir das 20.00 horas e, para aqueles que non estean conformes, terán do 18 ata o 21 para solicitar unha segunda corrección e reclamación. O período de preinscrición para matricularse nos diferentes graos do SUG será do 20 de xuño ao 1 de xullo e o primeiro prazo de matrícula será do 13 ao 15 de xullo.

Fonte: duvi.uvigo.es