Oficina CEER
 20-06-2016
UDC E OBRA SOCIAL LA CAIXA ÚNENSE PARA AXUDAR AOS ALUMNOS CON DISCAPACIDADE

A entidade achega 40.000 euros para a posta en marcha do programa Mentoring Inclusivo “la Caixa” e para axudas económicas dirixidas a estudantes con necesidades educativas especiais

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director Territorial de CaixaBank Galicia, Marc Arthur Benhamou, asinaron esta mañá na Reitoría, un convenio de colaboración para axudar aos estudantes con discapacidade tanto na continuidade dos seus estudos universitarios como no proceso de inserción laboral dos titulados.

O convenio, que contempla unha achega de 40.000 euros por parte de “la Caixa”, permitirá impulsar dous programas de actuación, por un lado, ofreceranse axudas económicas para vinte estudantes con necesidades educativas especiais e, polo outro, créase o programa Mentoring Inclusivo “la Caixa” na UDC. Este programa está deseñado para mellorar a inserción laboral do alumnado da UDC con discapacidade e que poden ver dificultada a súa inclusión, tendo en conta que a taxa de emprego en persoas con discapacidade é só do 26%.

O programa Mentoring Inclusivo “la Caixa” na UDC busca establecer contactos entre estudantes con discapacidade que estean finalizando os seus estudos e profesionais de empresas que poidan exercer de mentores e realizar un labor de orientación profesional. Este labor de mentoría serviría de base para que o alumnado puidese crear unha rede de contactos que facilitase e mellorase as súas oportunidades á hora de incorporarse ao mercado laboral.

O reitor agradeceu ao director Territorial de CaixaBank a sensibilidade amosada pola entidade ao colaborar nun proxecto para un colectivo con especiais dificultades. “O paso da Universidade ao mercado de traballo sempre é difícil e moito máis para as persoas con discapacidade, polo que toda a axuda que haxa para impulsar iniciativas que contribúan a facelo máis doado é de agradecer e moi benvida”, sinalou Abalde. Benhamou, pola súa banda, sinalou que “para “la Caixa” supón unha gran satisfacción poder colaborar cunha institución de referencia como é a UDC na atención daqueles alumnos universitarios que presenten algunha necesidade especial. “la Caixa” é unha entidade sensible as necesidades da súa contorna e preocúpase por ofrecer as mesmas oportunidades a todas as persoas independentemente das súas circunstancias. O convenio que asinamos hoxe camiña nesta liña de favorecer aos alumnos da UDC con algún tipo de discapacidade”.

A Obra Social “la Caixa”, na que se enmarca esta acción, ten entre os seus obxectivos a posta en marcha de proxectos que contribúan ao progreso das persoas e da sociedade, con especial incidencia nos colectivos máis vulnerables, xa sexa a través de programas propios, alianzas estratéxicas ou colaboracións con terceiros. A Obra Social “la Caixa” desenvolve programas sociais, educativos, culturais, científicos e medioambientais cunha vocación transformadora. A Universidade da Coruña conta cunha Unidade de Atención á Diversidade, ADI, dependente da Vicerreitoría de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, que ten como misión atender aos membros da comunidade universitaria con discapacidade ou outras necesidades específicas. O seu cometido principal é o de facilitar a plena inclusión do alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos que, por razóns físicas, sensoriais, psíquicas ou socioculturais, teñen dificultades para un acceso igualitario á vida universitaria. No actual curso 2015-2016 obtiveron a exención de taxas por discapacidade un total de 106 alumnos e alumnas da UDC, dos que 32 solicitaron servizos específicos ou adaptacións, cifra esta última que case se quintuplicou desde 2009.

Fonte: udc.es