Oficina CEER
 27-06-2016
A UDC ACOLLE UNHAS XORNADAS SOBRE A TOMA DE DECISIÓNS NO ÁMBITO MARÍTIMO

A Aula Náutica da Universidade da Coruña acolle os días 28 e 29 deste mes as II Xornadas Internacionais REDEXMAR "A toma de decisións no ámbito marítimo: a súa repercusión na cooperación internacional e na situación das xentes do mar", organizadas polo Instituto Universitario de Estudios Europeos "Salvador de Madariaga" da Universidade da Coruña, pola Red de Excelencia de Estudios Xurídico-Marítimos (REDEXMAR) e polo Centro de Excelencia Jean Monnet, en colaboración coa Association International du Droit de la Mer (AssIDMer); o Campus de Excelencia do Mar e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia. As xornadas comezarán ás 16:00 horas coa inauguración a cargo da conselleira do Mar, Rosa Quintana. A continuación, o catedrático de Dereito Internacional Público, director do IUEE “Salvador de Madariaga” e coordinador das xornadas, José Manuel Sobrino Heredia, moderará unha mesa redonda sobre a actualidade do mar a as súas xentes e que contará coa presenza do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique César López Veiga, co presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca de Vigo, Javier Touza Touza, e a inspectora da International Transport Workers’ Federation, María Luz Baz Abella.

O programa contempla un intenso debate desde un punto de vista multidisciplinar da situación internacional do mar durante os dous días que duran as xornadas. Fonte: www.udc.es