Oficina CEER
 29-06-2016
INNOVACIÓN ACADÉMICA E BOLSAS, EIXOS DA COLABORACIÓN UDC E BANCO SANTANDER

Universidade da Coruña e Banco Santander mantiveron esta mañá na Reitoría un encontro para escenificar a renovación e o novo impulso ao convenio de colaboración existente entre ambas as dúas entidades. O reitor, Julio Abalde Alonso, presidiu a reunión á que asistiron o xerente, Juan Díaz Villoslada, a directora de Institucións de Banco Santander, Paz Valdés Fernández, a directora Territorial para Galicia e Asturias de Banco Santander, Rosario García Alonso, e o director de Relacións Institucionais de Santander Universidades España, Alfredo Albaizar Fernández.

Quince anos despois de iniciada a colaboración entre Banco Santander, a través de Santander Universidades, e a Universidade da Coruña, as dúas institucións pretenden con este novo acordo dar continuidade, ampliar e reforzar o marco actual de colaboración establecido, co obxectivo de ofrecer un mellor servizo á comunidade universitaria e promover e mellorar a calidade da actividade docente e investigadora. Este convenio enmárcase no espírito das orientacións, propostas e conclusións contidas na “Carta Universia Río 2014”, resultante do III Encontro Internacional de Reitores de Universia celebrado en Río de Janeiro (Brasil). O reitor manifestou o agradecemento da Universidade ao Banco Santander ao que cualificou como un “auténtico mecenas” polo seu apoio constante á formación universitaria e lembrou que o Banco Santander é a empresa que máis inviste en apoio á educación no mundo a través de Santander Universidades con máis de 1.200 acordos de colaboración con universidades e institucións.

O Santander colaborará coa UDC no desenvolvemento de proxectos encamiñados a reforzar a calidade da docencia impartida, a contribuír á excelencia da actividade investigadora, a promover a transferencia dos resultados de investigación, a mellorar a eficiencia na xestión académica, a facilitar o acceso a programas de formación continuada e a reforzar a proxección internacional. En concreto, o novo convenio, con vixencia ata decembro de 2019, inclúe as seguintes liñas de colaboración:

• Impulso de programas de innovación docente como o desenvolvemento de materiais on-line e a produción de materiais multimedia. • Concesión de bolsas para alumnos dos novos Programas Oficiais de Posgrao. • Premios á excelencia académica para o mellor expediente de cada titulación. • Promoción do intercambio e a difusión dos coñecementos científicos a través de congresos, xornadas, conferencias, seminarios ou actividades asimiladas. • Desenvolvemento das novas funcionalidades da Tarxeta Universitaria Intelixente (TIU), baseadas na tecnoloxía chip. • Programas de promoción da actividade investigadora da UDC. • Programas para a promoción da relación Universidade-Empresa realizadas a través do Centro Internacional Santander do Emprendemento, CISE.

Ademais, a UDC e o Santander colaborarán no proxecto Universidade Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes Saavedra. O banco ofrecerá ademais aos estudantes, profesores e investigadores da UDC a súa posible participación nos programas de bolsas que promove, como as Bolsas Iberoamérica de mobilidade para estudantes de grao e as Bolsas Santander de Prácticas en PEMEs. Fonte: www.udc.es