Oficina CEER
 08-09-2016
A RIQUEZA ARQUEOLÓXICA DO CASTRO DE SANTA LUCÍA AGROMA ENTRE PENEDOS

A primeira intervención na zona péchase esta semana con moi bos resultados.

Entre os restos descubertos están unha vivenda castrexa e un lagar galaico-romano.

Nunca fora escavado nin estudado, a pesar de ter un potencial arqueolóxico importante por ser parte do conxunto de poboados fortificados da Idade do Ferro e época galaico-romana relacionados coa minaría aurífera que flanquean as beiras do val medio do Río Miño, entre Ourense e Ribadavia. Entre enormes penedos de granito e unha paisaxe espectacular, o Castro de Santa Lucía, en Astariz, no Concello de Castrelo de Miño, ficou esquecido ata que desde o pasado 8 de agosto o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT) comezou a realizar nel unha intervención arqueolóxica que chega agora ao seu fin. Aínda que foi unha primeira aproximación, os arqueólogos salientan como os traballos realizados demostran “o enorme potencial deste enclave”. As sondaxes feitas permitiron documentar a súa ocupación castrexa e galaico-romana, ata o século III, e deixar ao descuberto estruturas como unha vivenda castrexa circular, numerosos restos e un lagar galaico-romano que evidencia as antigas orixes da tradición vitivinícola da zona.

Despois dun mes de actividade, a intervención chega esta semana á súa recta final. Para coñecer in situ os traballos realizados, este mércores achegáronse a ela Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, e Xurxo Rodríguez, alcalde do Concello Castrelo de Miño, entidade que financia a intervención ao abeiro dun convenio coa Universidade de Vigo. “Os resultados dos traballos realizados xa se poden ver e unha vez máis iniciativas coma esta demostran as capacidades dos nosos grupos de investigación”, subliñou durante o percorrido Virxilio Rodríguez. Igualmente satisfeito cos resultados se amosou o alcalde da localidade ourensá. “Este é un ben patrimonial que tiñamos rexistrado e protexido por Patrimonio pero sen estudar e valorar e ten moito potencial cultural e turístico”, recalcou Xurxo Rodríguez, que entre os resultados destacou especialmente a descuberta e datación do lagar rupestre, “que vén a demostrar que a elaboración do viño Ribeiro, que é a nosa principal actividade económica, se vén facendo na zona desde tempo inmemoriais”.

Catro sondaxes
O equipo que participou na intervención estivo formado por Fermín Pérez, director do GEAAT e director do proxecto arqueolóxico; Jessica Silvares e María José Martínez, investigadoras predoutorais da Universidade de Vigo; Eduardo Breogán Nieto, director dos traballos de campo, e o técnico Víctor Muñiz, ambos da empresa Breogán Arqueoloxía. Completaron o grupo arredor de 18 estudantes de Historia e titulacións afíns que en dúas quendas realizaron prácticas na zona procedentes principalmente da Universidade de Vigo pero tamén doutras universidades, como as de Santiago de Compostela, Alacante, Murcia e Barcelona. “Esta foi unha primeira campaña nun xacemento descoñecido e polo tanto o noso obxectivo era empezar a coñecelo a través de sondaxes valorativas. A descuberta dunha cabana ou vivenda circular en moi bo estado e poder datar e descubrir ao completo o lagar, algo único en Galicia, foron dúas sorpresas moi gratas”, comenta Fermín Pérez. O castro, apunta, deixou nesta primeira intervención, constancia da súa “gran potencialidade patrimonial, tanto pola súa riqueza histórica e arqueolóxica como pola espectacular contorna natural e paisaxística na que se sitúa”.

Segundo explica o director da intervención, en total realizáronse catro sondaxes noutros tantos sectores do castro. A sondaxe I, de 15 x 3 metros, tivo lugar na plataforma este do castro e nela localizouse un muro pequeno en mal estado de conservación e restos da ocupación en época castrexa. A sondaxe II foi “unha das máis interesantes”, segundo explica Fermín Pérez. Desenvolveuse debaixo do chamado penedo de Santa Lucía, o penedo de granito de grandes dimensións baixo o que ata o século XIX estaba situada a antiga capela de Santa Lucía. A escavación neste punto comezou atopando restos de ocupación contemporánea e debaixo deles apareceu unha vivenda circular castrexa “moi ben conservada”, cuxo muro chega a alcanzar os 1.6 metros de altura. A pesar de que a intervención non chegou a descubrir toda a estrutura, os arqueólogos salientan que a súa localización permite datar a ocupación do castro desde época castrexa (séculos I e II antes de Cristo) e durante o período galaico-romano (séculos I e II despois de Cristo).

A terceira das sondaxes tivo lugar na plataforma oeste do castro, localizándose neste caso ademais de varias estruturas mal conservadas o pavimento doutra vivenda circular non completa. Tamén apareceron “materiais interesantes” como unha fíbula. Por último, a sondaxe IV realizouse no lugar onde asomaba un lagar rupestre. Limpouse e escavouse a contorna para descubrir por completo a estrutura do lagar, do que se conservan todas as pezas en pedra faltando só as de madeira. Durante os traballos atopouse material estatigráfico, como unha moeda do ano 235, que permiten datar o lagar na época galaico-romana. “A maioría dos lagares atopados ata o de agora considérase que son de orixe medieval e é moi difícil datalos porque non se conserva material arqueolóxico para facelo. O excepcional neste caso é que si podemos facer a datación de xeito preciso polos restos atopados e que a súa orixe é galaico-romana”, destaca Eduardo Breogán Nieto.

Moito material arqueolóxico
O segundo gran bloque de actuación da intervención consistiu na limpeza e documentación mediante fotogrametría de dúas áreas nas que se observan rebaixes nas rochas, que puideron ser empregados para o apoio de muros, pías, etc. Deste xeito, os arqueólogos salientan que moitos dos penedos da zona están traballados. Por último, durante a realización das sondaxes, o equipo arqueolóxico atopou numeroso material cerámico, tanto de época castrexa, especialmente cerámica decorada de tipo Miño, característica da zona, como galaico-romana, como anacos de ánforas ou pedra sigillata. Tamén se atopou material lítico, de cantos de cuarcita collidos das terrazas do Miño, maioritariamente de época castrexa, e pesos de redes, froito da tradición de pesca da zona. Entre os metais achados destaca unha fíbula en forma de letra omega e diversas moedas de diferentes épocas. Os materiais están expostos no local social da parroquia de Astariz.

Por último, e complementariamente á realización do proxecto, leváronse a cabo actividades de difusión e dinamización cultural. Deste xeito seguiuse a política de “aberto por obras” durante a intervención de campo, con atención diaria e visita guiada gratuíta ao público visitante. Ademais, o pasado sábado 3 de setembro case un centenar de veciños realizaron unha visita guiada para coñecer os restos arqueolóxicos atopados. “Para nós estas accións son moi importantes porque son os propios veciños os primeiros que teñen que coñecer e valorar o seu patrimonio. Ao tratarse dun castro que non foi estudado antes, a divulgación é especialmente importante”, explica Fermín Pérez.

Continuidade
Unha vez rematada a intervención e tal e como estaba previsto, as estruturas descubertas nas sondaxes serán de novo soterradas, volvendo ao seu estado orixinal. “En todo caso, a idea é que esta foi unha primeira intervención que continuará nos vindeiros anos co obxectivo último de que o castro remate sendo un espazo visitable e musealizado”, destaca Fermín Pérez. Deste xeito, o alcalde de Castrelo de Miño amosou a intención da institución de dar continuidade á intervención arqueolóxica realizada este verán. Rematadas as tarefas de campo, o traballo continuará os vindeiros meses no laboratorio, onde os arqueólogos procederán ao estudo convencional dos restos (lavado, siglado, inventario e debuxo), á realización de analíticas se fosen precisas e á elaboración e interpretación de todos os datos obtidos con vistas á redacción de informes, memorias e publicacións científicas.

Fonte: duvi.uvigo.es