Oficina CEER
 14-09-2016
O CAMPUS DE PONTEVEDRA FORMARÁ DE NOVO ESPECIALISTAS EN RESOLUCIÓN DE CONFLITOS

A EE Forestal acollerá desde outubro a terceira edición dun posgrao sobre mediación.

O campus formará de novo especialistas en resolución de conflitos O período de preinscrición neste curso de 225 horas permanece aberto ata o 20 de setembro.

Partindo da idea de que os conflitos son algo inevitable, promover un xeito alternativo de resolvelos a través do entendemento entre as partes constitúe a base da mediación, un método alternativo e complementario á vía xudicial, que precisa de profesionais especializados, capaces de guiar as partes na busca dese entendemento. “En todos os foros nacionais e internacionais, conclúese que a falta de formación das persoas mediadoras pon en risco o éxito destes procesos”, salienta neste senso a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor Francisca Fariña, co-directora, xunto coa tamén catedrática da Universidade de Vigo Esther Pillado, do III Curso de Especialista en Mediación (Cema), que ata o 20 de setembro mantén aberta a súa preinscrición na plataforma Bubela.

“En España, trala aprobación da Lei de Mediación en Asuntos Civís e Mercantís xurdiron moitas propostas de cursos de mediación, co único propósito de que as persoas obteñan un título que lles permita exercer como mediadoras”, salienta a codirectora dun posgrao de 225 horas, que se desenvolverá na EE Forestal entre outubro e maio. Un curso que ademais de habilitar aos titulados e tituladas para actuar como mediadores no ámbito civil e mercantil busca tamén dotar ao alumnado dunha serie de destrezas que resultan “mesmo aplicables a outros ámbitos profesionais e da vida cotiá”, como apunta Fariña.

De interese para múltiples perfís
A inscrición neste curso de especialista está aberta tanto a titulados como a profesionais relacionados coa especialidade, así como ao alumnado que teña superado os tres primeiros cursos da súa titulación, o que motiva que entre os e as participantes de anteriores edicións se atopasen “estudantes que aproveitan para compaxinar a realización do curso co seu traballo de fin de grao ou de máster”. Así mesmo, explica Fariña, o Cema reuniu nas súas anteriores edicións a “estudantes de diferentes titulacións e con profesións dispares, desde xuíces ou letrados, ata mestres, procuradores, psicólogos ou traballadores sociais”.

Co propósito de achegar ao alumnado á aplicación deste método alternativo de resolución de conflitos nos ámbitos familiar, mercantil, laboral, escolar, civil ou penal, este curso de especialista inclúe no seu programa unha serie de módulos de carácter práctico, que supoñen máis do 50% da docencia total, e que, por exemplo, levan ao alumnado a poñer en práctica os seus coñecementos en sesións simuladas con actores e actrices, que se gravan “co obxectivo de que os alumnos poidan ver a súa actuación, corrixila e mellorala”.

Afondando na mediación familiar
Máis aló do Cema, a especialización en mediación tamén chega ao campus da man das cuartas Xornadas de Formación en Mediación, que Pillado e Fariña promoven coa colaboración da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Concibidas como unhas “xornadas de perfeccionamento” no ámbito da mediación familiar, o curso que se desenvolve entre mércores e venres na EE Forestal reúne no seu programa cinco talleres “impartidos por especialistas de moi alto nivel”, como apunta Fariña.

O primeiro deles, na tarde do mércores, correrá a cargo do profesor da Universidad de León Juan Morcillo e estará centrado na comunicación en mediación; mentres que o xoves estas xornadas contarán coa participación da profesora da Universidad Complutense de Madrid e presidenta da Conferencia de Universidades para el Estudio de la Mediación y el Conflicto (CUEMYC), Leticia García, xunto co seu secretario xeral e profesor na Universidad de La Laguna, Manuel Rosales. Por último, estas xornadas pecharanse o venres cos relatorios de Juan Ramón Montero, secretario da Comisión de Arbitraje Deportivo del Comité Olímpico Español, e do profesor da Universidad Complutense Ignacio Bolaños.

Fonte: duvi.uvigo.es