Oficina CEER
 15-09-2016
A MISIÓN ESPACIAL GAIA PRODUCE O SEU PRIMEIRO ARQUIVO DE DATOS

Os investigadores do Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións de Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña Minia Manteiga, Carlos Dafonte, Daniel Garabato e Marco Antonio Álvarez, xunto con Ana Ulla, da Universidade de Vigo, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentaron esta mañá en rolda de prensa os primeiros resultados da misión Gaia, da Axencia Espacial Europea (ESA), na que participan os investigadores galegos, e que ten como obxectivo elaborar un mapa preciso en 3D da Vía Láctea. A presentación pública destes primeiros resultados na Universidade da Coruña, que se fixo de forma simultánea en Madrid, é un fito importante neste proxecto coa publicación do GDR1, o primeiro catálogo de Gaia. Os datos de Gaia-DR1 incluirán as posicións e a magnitude en luz visible de exactamente 1.140.622.719 estrelas, aproximadamente o 1% da poboación galáctica total, calculados a partir das observacións realizadas nos primeiros catorce meses de misión. Faise pública, tamén, a solución astrométrica de cinco parámetros, que proporciona posicións, paralaxes e movementos propios para un conxunto de máis de dous millóns (2.057.050) de estrelas do contorno solar, utilizando neste caso os datos Gaia e as posicións obtidas durante a misión Hipparcos, unha misión espacial da ESA dos anos 90. Esta é a que se coñece como a Solución Astrométrica Tycho-Gaia (TGAS). Esta primeira publicación inclúe ademais os datos fotométricos de centenares de estrelas variables, 2.595 estrelas tipo RR Lyrae e 599 estrelas Cefeidas observadas en xullo de 2014, en que o satélite escaneou repetidamente os polos galácticos.

Para chegar a estes resultados, Gaia observou en media uns 70 millóns de obxectos celestes, obtivo máis de 637 millóns de medidas astrométricas (posicións no ceo) e 150 millóns de medidas fotométricas (cantidade de luz en cada cor), ao día. Os datos crudos que obtén o satélite pasan por un complexo proceso de transformación e análise que leva a cabo un equipo duns 450 científicos de toda Europa, o consorcio DPAC do que o grupo de investigación da Universidade da Coruña forma parte desde 2007.

A misión Gaia producirá versións actualizadas do seu catálogo aproximadamente cada ano a partir desta data, ata chegar ao arquivo final, que se publicarán arredor do ano 2022. Os datos que Gaia proporcionará arroxarán nova luz practicamente en todos os ámbitos da Astronomía e serán unha referencia durante os próximos 50 anos.

Todas as estrelas que se ven brillar pola noite pertencen á vía Láctea, unha galaxia formada por uns 100 mil millóns de estrelas e por nubes de po e gas dentro das cales se forman novas estrelas e planetas. A Vía Láctea é unha estrutura espiral en rotación que mide uns 100.000 anos luz e representa unha galaxia típica, como moitas outras que hai no cosmos. Para medir a súa estrutura e a súa dinámica, necesítase determinar as posicións e movementos dun número estatisticamente significativo das súas estrelas, incluíndo a medida das súas distancias desde a Terra. Gaia é o instrumento clave para tratar este desafío, xa que durante cinco anos será capaz de producir un censo estelar sen precedentes en precisión e en tamaño.

Fonte: udc.es