Oficina CEER
 16-09-2016
REITOR E ALCALDE ASINAN UN CONVENIO DE MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS VIARIAS

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinaron na mañá deste mércores no pazo de María Pita un convenio que garante a colaboración do Concello na mellora das infraestruturas viarias e os espazos urbanos peonís dos campus universitarios de Riazor, Elviña e a Zapateira, a través dun investimento que este ano alcanzará os 120.000 euros. Esta cantidade destinarase, segundo se recolle no acordo subscrito, a financiar “melloras, reposición e accesibilidade” destas infraestruturas, que sofren o deterioro derivado, no caso dos viais, do incremento da intensidade de tráfico que soporta o campus pola construción doutras infraestruturas de carácter xeral, como son a Terceira Rolda e a AC14, e polo uso peonil dos espazos abertos, todos eles empregados a diario pola cidadanía, e non unicamente pola comunidade universitaria. “Estas actuacións non só beneficiarán á comunidade universitaria, senón a toda a cidadanía en xeral”, comentou o primeiro edil.

Tal e como consta no documento, a construción nos últimos anos de novos viais como son a Terceira Rolda e a AC14 e os seus enlaces cos campus universitarios modificou as rutas habituais de moitas persoas residentes nos barrios periféricos da súa contorna, o que supuxo “un incremento significativo do uso dos viais universitarios”. Do mesmo xeito, en Riazor, a retirada do peche perimetral de varias parcelas para abrir ao uso público os espazos verdes existentes, cuxo principal destino é a veciñanza da zona.

Con este obxecto, o Goberno municipal reservou nos Orzamentos de 2016 unha partida de 120.000 euros. Este financiamento terá carácter de subvención específica e estará destinado a executar as obras incluídas nos proxectos que se elaboren no obxecto deste convenio. As achegas municipais realizaranse para cada certificación até cubrir o importe da aportación pactada.

Pola súa banda, a Universidade da Coruña comprométese a aportar a cantidade necesaria, se fose necesario, a maiores da achega municipal, para levar a cabo as licitacións pertinentes. A UDC levará a cabo tamén as actuacións necesarias “sempre conforme aos canais legais establecidos para a elaboración e aprobación dos proxectos, licitación e adxudicación”. “Todas as infraestruturas e todas as obras realizadas nos espazos urbanos peonís ao amparo deste convenio seguirán sendo destinadas ao uso público xeral”, destacou o rexedor.

Concello e UDC acordaron tamén crear unha comisión mixta paritaria que será a encargada de realizar un seguimento da realización e interpretación do convenio. Este órgano estará conformado por unha representación municipal na que, entre outras persoas, estará presente o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela. Por parte da Universidade figurarán o xerente, o vicerreitor de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade, Domingo Calvo, e o secretario Xeral, Carlos Aymerich. Fonte: udc.es