Oficina CEER
 23-03-2006
ESTUDANTES DE XEOGRAFÍA DA USC E DA UNIVERSIDADE DO MINHO DESENVOLVEN ESTE XOVES NO CESGA UNHA AULA VIRTUAL COMÚN NA QUE PRESENTARÁN OS RESULTADOS DUN TRABALLO DE INVESTIGACIÓN SOBRE UNHA EXPERIENCIA INNOVADORA DOCENTE
Os alumnos da materia de Xeografía de España da Licenciatura de Xeografía da USC desenvolverán no CESGA hoxe,  xoves, día 23, unha aula virtual común con estudantes de Xeografía do Campus de Guimaraes da Universidade portuguesa do Minho. A experiencia realízase por segundo ano consecutivo e nesta ocasión o tema a analizar e debatir será o problema da seca na Península Ibérica. 

A partir das 12:00 horas no CESGA os estudantes da USC presentarán os resultados dun traballo de investigación xurdido dunha experiencia de innovación docente pola que, asumindo un xogo de rol, se organizaron colectivamente nun grupo de investigación chamado EIXE (Estudos e Investigación da Xeografía de España). 

Na aula, tanto os alumnos da USC coma os de Minho exporán os seus argumentos sobre a definición xeográfica do problema da seca en España, as solucións que se propoñen, a percepción do mesmo no eido vulgar e científico e os resultados dunha análise do tratamento que o problema recibe por parte dos partidos políticos e dos medios de comunicación. 

Coa experiencia trátase de incidir no uso das novas tecnoloxías como ferramentas de formación avanzada no ensino universitario e impulsar a interacción e o intercambio de coñecementos entre comunidades universitarias fisicamente afastadas pero dixitalmente moi próximas.

Para esta actividade empregarase a tecnoloxía de multivideoconferenica Access Grid dispoñible no Centro de Supercomputación de Galicia que permite interactuar en tempo real con imaxe e son calidade dixital.