Oficina CEER
 22-09-2016
O CAMPUS TERRA DA USC AMPLÍA A CAPACITACIÓN DOS ESTUDANTES DE XEOMÁTICA E TOPOGRAFÍA CUN CURSO GRATUÍTO DE PILOTOS DE ‘DRONS’

Dez estudantes de último curso do grao en Xeomática e Topografía na EPS poderán completar esta formación de balde en virtude dun convenio co Real Aero Club de Lugo.

A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC posibilita, en virtude dun convenio asinado co Real Aero Club de Lugo, que os dez estudantes de 4º curso do grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía con mellor expediente académico poidan ampliar a súa formación de xeito gratuíto coa realización dun curso avanzado de piloto de RPAS con certificado de coñecementos acreditado pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), prácticas cun modelo xenérico (Phantom 2), simulacións e vos reais.

A Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC está a traballar asemade xunto co aeródromo de Rozas na elaboración dun programa de formación que permita aos alumnos/as do grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía desenvolver actividades profesionais como operadores de vehículos aéreos non tripulados. Estas aeronaves, coñecidas como RPA ou ‘drons’, teñen espertado nos últimos anos un grande interese económico e social, abrindo un novo sector con moitas posibilidades.

O pulo experimentado na actualidade o sector das aeronaves non tripuladas tamén está a ser potenciado desde a Administración, que aposta por converter Galicia nun referente na fabricación de ‘drons’ e no desenvolvemento das súas aplicacións en múltiples campos, entre eles os destinados á obtención de datos do territorio, un ámbito no que os enxeñeiros/as en Xeomática e Topografía son especialistas. Daquela, cabe lembrar neste senso que estes profesionais traballan desde hai anos, na captura e explotación de datos procedentes de sensores a bordo de plataformas aéreas e espaciais e, recentemente tamén, desde RPAS, co obxecto de xerar información xeorreferenciada do territorio (ortofotografías, modelos dixitais do terreo, modelos de superficie ou mapas topográficos e temáticos).

O Campus Terra da USC pretende facilitar a través destas iniciativas que os graduados na enxeñaría e Xeomática e Topografía que rematan a súa formación na EPS poidan obter un certificado acreditado por AESA que os capacite para realizar operacións con ‘drons’ baixo o marco regulamentario vixente, a fin de poder así á demanda dun mercado laboral en expansión e con moitas posibilidades de futuro.

Fonte: xornal.usc.es