Oficina CEER
 26-09-2016
UN ESTUDANTE DA UDC, GAÑADOR MUNDIAL DO MASTER THE MAINFRAME DE IBM

O alumno do Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña Antonio Álvarez Rodríguez, graduado en Enxeñaría Informática pola UDC, resultou gañador do certame “Master the Mainframe”, organizado por IBM EDGE 2016 e que tivo lugar estes días en As Vegas, Estados Unidos. Este certame, que chega a súa undécima edición, contou coa participación de 18.000 estudantes de 47 países. Antonio Álvarez, da UDC, quedou en primeiro lugar seguido de Esteban Solis-Reyes, da Universidade de Western Ontario, Canadá e Dong Pan, da Universidade de Electrónica de Ciencia e Tecnoloxía de China.

Os mainframe son ordenadores de moi altas prestacións que se utilizan para tratamentos de datos e para cálculos moi voluminosos e complexos, que requiren un sistema robusto e capaz de manterse funcionando longos períodos de tempo e garantir a continuidade dos procesos críticos das organizacións. Estes equipos teñen características moi específicas e diferentes do resto de ordenadores. “Master the Mainframe” pide aos participantes completar unha serie de tres desafíos cada vez máis difíciles, comezando coa navegación básica mainframe para un proxecto destinado a enfrontar un escenario do mundo real. Os nove finalistas que se reuniron en As Vegas tiveron que superar diferentes fases para poder chegar ata a final mundial.

Fonte: www.udc.es