Oficina CEER
 27-09-2016
SETE OPCIÓNS PARA RACHAR OS LÍMITES PERSOAIS

O Gabinete Psicopedagóxico arrancará o día 29 a súa programación de cursos e obradoiros.

A matrícula está aberta aos diferentes colectivos da comunidade universitaria.

Saber relaxarse, xestionar mellor o tempo, empregar as técnicas de meditación para ser máis creativos, desenvolver a intelixencia emocional, mellorar a autoestima... Todas estas accións contribúen a que as persoas incrementen a súa calidade de vida persoal e profesional e contribúan a mellorar a dos demais. Son tamén, explican desde o Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense, aspectos sobre os que os membros da comunidade universitaria poden e deben formarse. Con este obxectivo, este curso académico este servizo ofrecerán un ano máis non só atención individualizada senón tamén un amplo abano de cursos e obradoiros aos que por primeira vez se poderán apuntar non só estudantes senón tamén profesorado e persoal de administración e servizos.

“O noso Gabinete quere brindar unha asesoría multidisciplinar e integral nas áreas psicolóxica e psicopedagóxica co propósito de fortalecer a autonomía, a autoestima, a autoaprendizaxe e os valores fundamentais que propicien o equilibrio persoal e melloren a calidade de vida principalmente do alumnado”, sinala Isabel Ferreiro, responsable do Gabinete Psicopedagóxico do campus. Para facelo ofrecen unha ampla carteira de servizos individuais e grupais, tanto académicos como psicolóxicos. Entre eles están o asesoramento académico, organizando todo tipo de accións formativas de carácter práctico e encamiñadas a completar os programas docentes. “Facemos aproximadamente un curso cada dous meses e a súa temática elixímola en función das necesidades que detectamos o curso anterior entre o alumnado, sempre mesturando novas propostas con outras que xa demostraron o seu éxito en anteriores edicións”, comenta a psicopedagoga.

Máis intelixencia emocional
A programación arrancará o xoves 29 de setembro cun obradoiro sobre Creatividade e meditación. Será, explican os seus responsables, unha sesión de meditación guiada na que os participantes afondarán no concepto de creatividade en relación coa mente e cales son os obstáculos que a limitan. Coas prazas xa esgotadas, a sesión será desenvolvida por membros de World Peace Initiative Foundation. Outro curso no que tamén a meditación será parte importante e no que se afondará nos límites das persoas para desenvolver a súa creatividade será Relax-arte, actividade que dá continuidade e amplía unha xornada de relaxación organizada con éxito anteriormente polo Gabinete Psicopedagóxico.

Para adestrar máis habilidades emocionais, os membros da comunidade universitaria contarán con diversas accións formativas. No curso de alta motivación Encantad@ de coñecerme, os participantes abordarán os medos, o traballo en equipo, a cooperación e sobre todo a autoestima e a mellora da mesma. “Esta actividade vai de coñecerme a min mesmo, de aumentar a miña autoestima porque se eu estou ben vou exteriorizar a miña positividade e contaxiar aos demais. Para conseguilo, a clave é coñecer as miñas limitacións e potenciar as miñas capacidades”, comenta Ferreiro. Pola súa banda, no curso Intelixentemente emocionais, o obxectivo, indica, será "apoiar ás persoas no seu proceso de coñecer e xestionar as súas emocións para conseguir unha mellor relación con eles mesmos e cos demais, potenciando as súas relacións a través dunha transformación persoal e eliminando as barreiras que lles impiden gozar dun equilibrio emocional saudable".

Aprender técnicas de estudo e busca de emprego
Moi vinculados coas necesidades concretas do alumnado, desenvolveranse ao longo de 2016/2017 os cursos de técnicas de estudo, de xestión do tempo e de empregabilidade. O primeiro, explica a psicopedagoga, "buscará dotar ao alumnado participante de ferramentas que faciliten o proceso de estudo de cara aos exames, mellorando, de xeito paralelo, o seu rendemento académico e polo tanto os bos resultados agardados". Sobre o segundo, Isabel Ferreiro salienta que nel os participantes coñecerán as variables a ter en conta á hora de organizarse para lograr deste xeito unha maior eficiencia persoal, desde os plans diarios a como evitar os “ladróns de tempo”. No terceiro dos cursos, chamado Pílulas para o emprego, “desenvolveranse unha serie de talleres prácticos e moi dinámicos centrados en traballar aspectos máis de tipo profesional de acordo coas características e intereses persoais dos participantes e que en moitas ocasións supoñen un gran descoñecemento para o alumnado, como pode ser desde a preparación dun currículo ata unha entrevista de traballo”, comenta por último a responsable do Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense.

Fonte: duvi.uvigo.es