Oficina CEER
 27-09-2016
ARGOS BUSCA INTEGRANTES PARA OS SEUS EQUIPOS MULTIDISCIPLINARES

Traballo en equipo e ‘aprender facendo’ son as claves do Programa Argos da USC, que mantén aberta ata o 21 de outubro a inscrición para alumnado de posgrao, máster, doutoramento ou últimos anos de grao, titulados/as das últimas promocións e persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación.

Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC e ideas procedentes de empresas da contorna de Santiago que poderán ser a base do seu plan de empresa. O seu obxectivo é conformar equipos interdisciplinares aos que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente.

O programa comeza o 9 de novembro cunha sesión de adestramento en exterior (outdoor training) e de traballo en equipo. A partir de aí procederase á constitución dos equipos multidisciplinares con 4 ou 5 integrantes que, finalmente, desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal de Argos para presentalo ante un xurado.

Premios
Ao remate do programa os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC, e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.

A inscrición pode facerse cumprimentando o formulario dispoñible en http://www.uninova.org/ ou en http://www.usc.es/es/investigacion/avte/emprendedores/argos.html, que deberá remitirse por correo electrónico a argos@usc.es. As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 881.815.593 / 596 / 576.

Argos é unha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.

Fonte: xornal.usc.es