Oficina CEER
 29-09-2016
ALLGENETICS, EMPRESA NACIDA NA UDC, PREMIO GALICIA SPIN OFF

A empresa coruñesa AllGenetics e a compostelá Galchimia son as gañadoras da segunda edición dos Premios Galicia Spin-off, nas categorías Idea Emerxente e Selo de Calidade, respectivamente, segundo informa o portal GCiencia. Pastor e GCiencia organizan uns premios que distinguen as empresas galegas máis innovadoras e que teñen unha forte vinculación coa universidade. A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 10 de outubro, nun acto que se celebrará na sede da Fundación Barrié en Vigo.

O xurado elixiu ós gañadores entre un total de 16 candidaturas que se presentaron en ámbalas dúas categorías. No apartado de Idea Emerxente a gañadora foi AllGenetics, unha empresa creada en 2011, especializada na área do xenoma e vinculada á Universidade da Coruña. Entre os seus méritos figura ser a primeira empresa do mundo que pon as técnicas de análise do xenoma ó servizo de empresas do sector de Ecotoxicoloxía.

AllGenetics é unha empresa asociada á UDC con sede no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA). O premio Galicia Spin-Off recoñece o labor desta compañía coruñesa e especialmente a nova división corporativa AllGenetics Analytics, que desenvolve metodoloxías xenómicas para a verificación de especies e materiais biolóxicos.

Fonte: www.udc.es