Oficina CEER
 29-09-2016
UNIVERSIDADE E TELEFÓNICA REÚNEN AOS PRINCIPAIS REFERENTES DA ECONOMÍA GALEGA PARA DEBATER SOBRE INDUSTRIA 4.0

No arranque das actividades da cátedra entre ambas institucións.

Salustiano Mato avanza os contidos da reunión dos reitores esta tarde en Santiago de Compostela.

Automoción, industria naval e novas tecnoloxías son tres dos principais sectores da economía galega e neles se centrou a Xornada sobre Industria 4.0 organizada pola Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo como arranque das actividades do novo curso. A cita foi na Escola de Enxeñería Industrial e nela reuníronse un destacado número de expertos que botaron luz sobre cara a onde está dirixíndose a industria para conseguir que unión entre as TIC e os procesos produtivos se traduza nunha mellora continua da eficiencia. Participaron expertos de Telefónica, do grupo PSA e de Navantia e a eles uníronse o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, que quixeron así renovar o compromiso de ambas institucións cun proxecto que se puxo en marcha hai xa tres anos e do que o balance é, segundo indicaron, “extraordinariamente positivo”.

“Esta cátedra é para nós un referente, pois ao seu abeiro temos levado a cabo moitísimo traballo no campo da educación e da innovación, tanto en Galicia como no resto de España”, subliñou a responsable autonómica de Telefónica, que fixo fincapé en que desde que se puxo en marcha esta iniciativa foi foco de seminarios, xornadas, conferencias... que espertaron un elevado interese, sobre todo entre o alumnado, caso do congreso Smart Cities, o Foro Tecnolóxico de Emprego ou o encontro Hack for Good “que tivo un gran impacto tanto dentro como fóra da Universidade”, recalcou. Na mesma liña pronunciouse o reitor que, unha vez máis, fixo fincapé na “clara vocación da Universidade por colaborar coas empresas e co mundo real”, un eido no que as cátedras se amosan ao seu modo de ver como “un instrumento ideal” de colaboración.

Expertos de Telefónica, Grupo PSA e Navantia
O primeiro dos relatorios correu a cargo do responsable de Novos Negocios IoT (Internet of Things) de Telefónica Dixital, Alejandro Cadenas, que, desde a súa experiencia na busca de novas oportunidades e modelos de negocio no campo das telecomunicacións e a innovación achegou a visión da súa compañía sobre as claves para o futuro da industria 4.0 en España. A continuación, o responsable de proxectos de innovación en Procesos do Grupo PSA, Juan José Areal, abordou os cambios que está a sufrir o sector da automoción coa incorporación das novas tecnoloxías e a súa adaptación á nova realidade. Pola súa parte, o xefe do Departamento de Sistemas para a Enxeñaría de Navantia, Miguel Vilar Montesinos, explicou as vantaxes da aplicación de tecnoloxías de realidade virtual e aumentada ao sector naval, en canto ao aumento de eficiencia, redución de erros de deseño e fabricación e diminución de custes, partindo do exemplo do propio estaleiro, que na actualidade conta con dous centros de deseño virtual. A maiores, Cadenas, Areal e Vilar debateron tamén sobre a relevancia da industria 4.0 para o desenvolvemento industrial galego nunha mesa redonda moderada polo catedrático vigués José Carlos Prado.

Amplíase Hack for Good e proxéctanse novas actividades
Ao marxe destas intervencións, o catedrático da Universidade de Vigo José Cidrás, director da cátedra, aproveitou esta xuntanza para informar sobre as actividades que se levarán a cabo ao longo deste curso. “Imos continuar con toda unha serie de cursos e talleres de formación e, por suposto, faremos unha nova edición de Hack for Good, unha actividade que tivo moito éxito e que pensamos ampliar”, explicou Cidrás, que adiantou a posibilidade de pór en marcha un seminario sobre educación dixital. “A nosa intención é afondar no tema dos Moocs, un campo no que a Universidade xa está a traballar, pero no que tamén é importante contar co asesoramento de Telefónica, sobre todo no referido á formación do profesorado que está interesado en pór en marcha cursos deste tipo”, recalcou.

Declaracións do reitor sobre as probas de acceso e o decreto 3+2 A súa saída das xornadas e en resposta ás preguntas dos medios de comunicación relativas ás cuestións que se tratarán na Conferencia de Reitores das Universidades Españolas que se celebra esta tarde en Santiago de Compostela, o reitor vigués comentou as dúas cuestión básicas que se van someter a debate: novas probas de acceso á universidade e duración dos graos. “Dende a CRUE defendemos que a reválida de bacharelato ten que servir para o acceso á Universidade e, polo tanto, buscamos que esas probas se parezan o máis posible ás actuais e, nese sentido, o presidente da CRUE poranos ao día das negociacións que tivo co ministerio, en que pasos está o decreto e de que maneira imos poder conxugar esa reválida co modelo anterior de probas de acceso á Universidade”, subliñou o reitor vigués, que insistiu en que os reitores están a traballar a nivel nacional polo chamado distrito único, “é dicir, que a nota que se saque nesa proba única en calquera punto do Estado sirva ou poida ser homologable para acceder a calquera universidade española”.

Con respecto ao desenvolvemento do decreto de títulos, Mato adiantou que os reitores van pór enriba da mesa unha proposta de posible acordo para o coñecido como decreto 3+2, que “ a priori” conta co beneplácito do Ministerio de Educación. “Ata agora a CRUE mantivo unha posición moi vinculada a facer unha moratoria para que as titulacións do actual catálogo de títulos se manteñan como están na actualidade”, indicou Mato, que recalcou que a idea é que o novo decreto se aplique só en “títulos absolutamente novos”, de xeito que se evite que unha mesma titulación poida ter duracións distintas dependendo da universidade na que se curse.

Fonte: duvi.uvigo.es