Oficina CEER
 18-01-2017
ESTUDAN NA USC O USO DE NANOPARTÍCULAS MAGNÉTICAS PARA O TRATAMENTO DE CANCRO MEDIANTE HIPERTERMIA

Un grupo multidisciplinar de investigadores de España e do Reino Unido reúnense este xoves na USC para debater sobre o uso de nanopartículas magnéticas para o tratamento de cancro mediante hipertermia, así como outras aplicacións biomédicas.

O encontro ‘Nanopartículas magnéticas para hipertermia. Experimentos e simulacións’ terá lugar na Aula Magna da Facultade de Óptica organizado polo Instituto de Investigacións Tecnolóxicas (IIT) da USC e o Computational Magnetism Group da Universidade inglesa de York e enmarcado no proxecto ‘Evolución da temperatura a escala nanométrica durante o tratamento de cancro mediante hipertermia’ financiado pola Royal Society (Reino Unido) para promover o traballo conxunto entre ambos grupos no eido do uso do nanomagnetismo para aplicacións biomédicas.

Coordinan esta xuntanza científica o profesor e director do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC Daniel Baldomir; o profesor do Grupo de Magnetismo Computacional da Universidade de York, Roy Chantrell; e o investigador posdoutoral David Serantes, membro do IIT e actualmente de estadía en York co profesor Chantrell.

Aproveitando esta xuntanza científica, o profesor Roy Chantrell pronunciará este venres 20 ás 10.00 horas na Aula Magna da Facultade de Física a conferencia ‘Multiscale magnetic models; from electronic structure to device design’.

Fonte: xornal.usc.es