Oficina CEER
 20-01-2017
CENTROS DE LINGUAS DE TODA ESPAÑA DEBATERÁN EN VIGO SOBRE O SEU PAPEL NO PROCESO DE INTERNACIONALIZACIÓN DAS UNIVERSIDADES

Nun congreso estatal que se celebrará do 29 de xuño ao 1 de xullo coa participación de preto de 150 persoas.

A institución viguesa foi elixida como sede ao destacar polo número de idiomas que acredita co selo de ACLES.

A décima edición do Congreso da Asociación Española de Centros de Linguas no Ensino Superior (ACLES) terá á Universidade de Vigo como anfitrioa. Entre o 29 de xuño e o 1 de xullo, arredor de 150 representantes dos Centros de Linguas de todo o Estado reuniranse no Centro Social Afundación para analizar o seu novo papel como instrumento clave dentro da estratexia de internacionalización das universidades españolas e compartir boas prácticas en internacionalización a través das linguas. O interese neste aspecto xorde do documento elaborado polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte titulado Estratexia para a Internacionalización das Universidades Españolas 2015-2020, publicado en 2014, que recomenda como medidas para aumentar o atractivo internacional das institución de educación superior estatais incrementar o número de programas de grao e mestrado bilingües, impartidos en español e inglés ou outras linguas estranxeiras, así como promover a aprendizaxe dun nivel suficiente de inglés por todo o PDI, PAS e cargos académicos. Neste contexto, os Centros de Linguas téñense convertido nunha ferramenta imprescindible para a formación plurilingüista da comunidade universitaria e para a posta en marcha de docencia internacional. Ao longo dos tres días que dura o congreso abordaranse catro temas centrais. Por unha banda, a política lingüística e a internacionalización; por outra, a formación específica para a comunidade universitaria; así como a xestión e dirección de Centros de Linguas no Ensino Superior e a avaliación e acreditación de competencias lingüísticas.

Segundo explica a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Esperanza Rama, presidenta do Comité Organizador, a celebración do congreso en Vigo “supón o trampolín definitivo para darnos a coñecer a nivel internacional entre os centros que son socios de CERCLES (Confederación Europea de Centros de Linguas no Ensino Superior), posto que o congreso está publicitado na web de CERCLES e, ademais dos asistentes nacionais, agardamos asistentes de Centros de Linguas de fóra de España”. Agardan que o congreso sirva fundamentalmente de foro para coñecer os modelos de xestión dos Centros de Linguas e as achegas cruciais dos diferentes centros no proceso de internacionalización das universidades, “temas ata o de agora bastante esquecidos”. Ademais, debateranse tamén novas achegas sobre aspectos relativos á calidade dos exames de acreditación, neste caso cos criterios de avaliación da produción oral e escrita, e co proceso de pilotaxe previo á administración dos exames en convocatoria oficial.

A elección de Vigo, un recoñecemento ao traballo innovador
Sobre a elección de Vigo como sede da décima edición do congreso, Rama explica que ata o de agora ningunha universidade galega organizara este evento e, de entre elas, “Vigo foi elixida ao destacar polo número de idiomas e niveis que acredita co selo de ACLES (inglés B1, B2 e C1; francés e alemán B1) así como polo número de convocatorias de exames CertACLES que saca ao ano e o volume de correspondentes acreditacións que emite”. Tamén foron determinantes para escolla de Vigo os avances da institución viguesa no referente ao papel dos centros de linguas dentro da estratexia de internacionalización da institución, tema central de debate neste congreso. “Considérase que Vigo ten un papel destacado polo interese que esperta a proba de acreditación de profesorado propia (HELA), que está sendo exportada a outras universidades, así como pola súa posición como coordinadora do grupo de política lingüística da CRUE encargado do "Documento marco de política lingüística para la internacionalización del sistema universitario español", recentemente aprobado pola sectorial de internacionalización da CRUE”, remarca Rama.

Programa do congreso
O programa comprenderá varias sesións plenarias, estando xa confirmadas as da vicerreitora de Estudantes da Universidade de Vigo, Dolores González, sobre o documento marco de política lingüística para a internacionalización do Sistema Universitario Español e de Kevin Haines, da Universidade de Groninga, nos Países Baixos, cunha ponencia titulada Pero, quen apoiará aos mestres? Política, principios e prácticas para o apoio á ensinanza en inglés (EMI) nunha universidade internacional: a experiencia de Groningen.

Tamén se desenvolverán obradoiros prácticos coa finalidade de darlle aos participantes a oportunidade de enfrontarse a técnicas e novas ideas relacionadas cos eixes temáticos do congreso. Entre as propostas, terá lugar un taller sobre estandarización da avaliación da produción oral e escrita, impartido por Cristina Pérez e Julia Consuelo Zabala, da Universitat Politècnica de València e outro sobre boas prácticas de pilotaxe de exames, da man de Laura Riera e Rebeca Pilar García, da Universitat Autònoma de Barcelona. Un terceiro obradoiro centrarase na formación do profesorado para a docencia en lingua estranxeira, impartido por Víctor Pavón, da Universidade de Córdoba.

Os participantes no congreso tamén poderán asistir a varias mesas redondas sobre varios eixos temáticos, como os modelos de xestión dos Centros de Linguas no ensino superior ou o papel dos mesmos na estratexia de internacionalización das universidades.

O prazo de envío das propostas de comunicacións rematará o vindeiro 28 de febreiro.

Fonte: duvi.uvigo.es