Oficina CEER
 23-01-2017
INTENSO DEBATE SOBRE AS TITULACIÓNS NA VISITA DO REITOR DA UDC A COMUNICACIÓN

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, e a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, reuníronse este venres co persoal da Facultade de Ciencias da Comunicación, dentro da rolda de visitas a centros que está a facer o reitor por todos os campus.

O encontro ten como obxectivo tratar os temas que máis interesan en cada un dos centros de forma directa co profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos. Na Facultade de Comunicación os temas que máis preocupan ao seu colectivo é o mapa de titulacións e a especialización dos campus. Respecto ao mapa de titulacións, o reitor explicou que nestes momentos as tres universidades galegas están a replantexarse a súa oferta académica, analizando os títulos existentes e vendo as posibilidades de implantar outros novos. Abalde deu conta das intencións da Xunta de Galicia neste aspecto que considera que o Sistema Universitario Galego ten un número suficiente de titulacións de grao e de mestrado e que, polo tanto, calquera implantación dun novo título supón a supresión doutro existente, salvo nalgún caso como ocorre nos campus periféricos que se están vendo reforzados con títulos novos ligados ás áreas de especialización.

A Universidade da Coruña apostou pola especialización do Campus de Ferrol como Campus Industrial e para o Campus da Coruña estanse analizando as posibles áreas en que este campus pode ser unha referencia. “As liñas de especialización teñen que entenderse dentro da universidade xeralista que somos e que queremos seguir sendo, pero temos que identificar as áreas que sexan de interese e que fagan de tractores do resto”, explicou o reitor engadindo que a especialización terá como consecuencia directa un financiamento adicional nas contas anuais. Deste xeito, seguiu explicando Abalde, no Campus Industrial de Ferrol establecéronse dentro das súas liñas estratéxicas a posibilidade de implantar títulos novos de grao e mestrado. “Revisamos as titulacións existentes na UDC e noutras universidades, así como os sectores económicos de interese e chegamos á conclusión de que había sectores importantes na economía galega onde había un oco de formación universitaria e esa é a xustificación da nova oferta de títulos para o Campus de Ferrol”, dixo o reitor.

Como xa se anunciou publicamente, o Campus de Ferrol contará con cinco novos títulos que se implantarán nos próximos anos:

Curso 2018/2019:
- Grao en Xestión Industrial da Moda
- Mestrado Universitario en Deseño Industrial coas especialidades de Xoias, Mobles e Automoción
- Mestrado Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos

Curso 2019/2020
- Mestrado Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Moda
- Mestrado Universitario en Informática Industrial, Automática e Robótica

Unha das profesoras presentes indicou que a implantación do Mestrado en Videoxogos no Campus de Ferrol viña cortar as aspiracións desta Facultade de ter ese título. O reitor manifestou que a Facultade de Comunicación ía participar de forma activa no desenvolvemento deste mestrado, toda vez que o seu coordinador é un profesor deste centro e terá a responsabilidade de desenvolver a memoria e o plano de estudos do mesmo, ademais para a súa docencia contarase obviamente co profesorado especializado no tema desta facultade. O decano esbozou a traxectoria da titulación que se imparte nesta Facultade, Grao en Comunicación Audiovisual, que comezou sendo un segundo ciclo de Licenciatura para ser un grao completo na actualidade pero á que lle queda por consolidar e crear a masa crítica que se consegue cos mestrados. Outro profesor indicou a posibilidade de que este novo mestrado en Videoxogos non estivese vinculado a ningún dos centros existentes no Campus de Ferrol para que non se asocie ao centro en que se imparta.

O reitor foi tallante neste punto ao asegurar que as titulacións son da Universidade da Coruña con independencia de onde se impartan. “O que hai que garantir é que as decisións que se tomen con respecto a un título estean no ámbito dese título”, dixo asegurando que neste caso iso sería así porque a comisión académica estará presidida por un profesor da Facultade de Comunicación. Inquirido o reitor polo inicio das especializacións dos campus en Ferrol, Abalde respondeu que a Universidade da Coruña, ao igual que as outras dúas galegas, comezou coas especializacións dos campus periféricos a instancias da Xunta de Galicia. Este mesmo profesor, que agradeceu ao reitor e ao seu equipo estas reunións informativas nos centros, manifestou que é consciente de que a UDC ten moitos centros e que “se hai que reducir que se reduzan”, que o importante á hora de definir os títulos de mestrado é que a docencia dunha mesma materia non se reparta entre varios profesores. O reparto de docencia, lembrou Abalde, é responsabilidade dos departamentos e asegurou que a comisión académica que poña en marcha as novas titulacións de Ferrol velará porque se impartan da mellor forma posible co obxectivo de ter unha oferta académica de calidade. Sinalou o reitor que hai que avanzar e seguir adiante para conseguir cousas novas para a Universidade da Coruña. As novas propostas do mapa de titulacións “é unha magnífica oportunidade para que a Universidade da Coruña teña titulacións de referencia aproveitando as súas mellores vantaxes”, declarou. Para finalizar, varios dos profesores presentes apuntaron unha posible vía de especialización para o campus coruñés que pase por unir sinerxías entre a Facultade de Informática e a Facultade de Comunicación. O reitor adiantou que indubidablemente unha das áreas de especialización estará ligada á informática que está presente en todos os campos de forma transversal pero que tamén pode ter un desenvolvemento propio debido á súa puxanza. “Estamos analizando as áreas de referencia na UDC e despois teremos que ser coherentes”, rematou.

Fonte: www.udc.es