Oficina CEER
 30-01-2017
A XESTIÓN ESTRATÉXICA DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS E FORESTAIS CENTRA UN CURSO DA USC E A UNIVERSIDADE DE LYON NO CAMPUS TERRA

Preto de 40 estudantes e profesionais franceses e españois participan na Escola Politécnica Superior nun programa formativo que se prolongará ata o 10 de febreiro.

O curso de perfeccionamento Xestión estratéxica de explotacións agrícolas para unha mellora global continua, un programa formativo organizado pola escola VetAgro Sup da Universidade de Lyon e no que tamén participa o Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, cita desde este luns na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC preto de 40 estudantes e profesionais con intereses ligados á xestión estratéxica de explotacións agroforestais.

O obxectivo desta actividade, cuxas actividades formativas se desenvolverán ata o 10 de febreiro na Escola Politécnica Superior de Lugo, pasa por subministrar aos asesores agrícolas as capacidades necesarias para iniciar e acompañar os agricultores na xestión estratéxica da explotación. A metodoloxía seguida será a da aprendizaxe baseada en proxectos, polo que se desenvolverá en base a obradoiros en aula e en explotacións agrarias, segundo indicou o profesor Adolfo López Fabal.

A xestión estratéxica de explotacións no eido agrícola e forestal é un campo en expansión nos últimos anos, e o papel e a formación de asesores adquire cada vez maior importancia. As explotacións agrícolas deben facer fronte a desafíos técnicos, sociais, económicos e ambientais para que a súa actividade produtiva sexa sostible e rendible nun contexto cada vez máis complexo e competitivo. Por esa razón, faise cada vez máis necesario acudir a especialistas en xestión estratéxica de empresas.

O curso está deseñado polo profesor de Economía Rural na escola VetAgro Sup da Universidade de Lyon, Philippe Jeanneaux, que tamén é co creador do método PerfEA para a xestión estratéxica de explotacións agrícolas e conta con importante experiencia na súa aplicación a todo tipo de explotacións dende 2009. A metodoloxía PerfEA está ben adaptada ás particularidades das empresas agrarias, axuda a identificar as estratexias más axeitadas para a empresa a medio prazo, ao tempo que tamén resulta útil á hora de elaborar un plan e acción para poñelas e práctica e, finalmente, establecer un sistema para avaliar o seu resultado de xeito perceptible polo agricultor.

Jeanneaux tamén figura entre a nómina de relatores encargados de impartir este curso, unha actividade docente na que tamén participan profesores do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, ademais doutros profesionais ligados á Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia e á Federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia.

O director da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, Tomás Cuesta, deu a benvida a todas as persoas inscritas neste programa de formación continúa, un curso especialmente dirixido a técnicos relacionados coa xestión de explotacións no ámbito rural así como a estudantes universitarios de títulos de orientación agraria e forestal. Os estudantes da USC inscritos poderán validar a realización deste curso por 3 ECTS.

Fonte: xornal.usc.es