Oficina CEER
 06-02-2017
CATRO TRABALLOS SOBRE ESPAZOS PROTEXIDOS, ENERXÍA EÓLICA, SECTOR LÁCTEO E XESTIÓN DO RISCO GAÑAN OS PREMIOS ANUAIS DO IDEGA

Hoxe entregáronse os galardóns da terceira edición dos premios premios Valentín Paz Andrade e Jesús García Calvo.

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (Idega) que dirixe o profesor Alberto Meixide entregou este luns os premios Valentín Paz Andrade e Jesús García Calvo que convoca en colaboración co Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia) e con Feiraco, respectivamente.

O acto, que presidiu en Fonseca o reitor Juan Viaño e no que participaron o presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez, e a presidenta do CES-Galicia, Corina Porro Martínez, deu comezo cun relatorio do profesor da USC e investigador do Idega, Melchor Fernández, que levou por título ‘Descubrindo o “vello” mundo: afrontar o reto demográfico dende a investigación interdisciplinar’.

Premios Jesús García Calvo
Juan Manuel Trillo Santamaría e Valerià Paül Carril foron os primeiros en recoller o premio Jesus García Calvo en investigación en desenvolvemento rural e cooperación polo seu traballo ‘ Transboundary protected areas as ideal tools? Analyzing the Gerês‐Xurés transboundary biosphere reserve’, no que investigan a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés no marco do modelo definido globalmente para a ordenación e xestión dos espazos naturais protexidos transfronteirizos (ENPF).

Os ENPFs nacen co obxectivo de conservar a natureza e desenvolver a zona na que se aplican para, entre outras medidas, procurar borrar os efectos das fronteiras internacionais. Mais do seu estudo os investigadores apreciaron que a pesar de que se cumpre boa parte das condicións teóricas do modelo, “parecen emerxer diversas eivas tanto no referido á xestión cotiá da reserva como á pertinencia do modelo”. Así, propoñen que se facilite a captación de recursos externos –n omeadamente da Unión Europea– e se transite “cara a unha verdadeira cooperación transfronteiriza fundamentada nos desexos das persoas que viven na zona”.

Pola súa banda, o investigador do grupo de Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo Damián Copena Rodríguez levouse o García Calvo pola súa tese de doutoramento ‘Enerxía eólica e medio rural: unha análise aplicada dos impactos socioeconómicos dos parques eólicos no mundo rural galego’, que lle dirixiu Xavier Simón Fernández. Nela analiza como foi o proceso de implantación e cales foron as consecuencias socioeconómicas da posta en marcha dos parques eólicos no mundo rural galego no período 1995-2014. O traballo achega, a partir de procesos de investigación participativa, nova información sobre os procesos de implantación eólica, a análise dos mecanismos de acceso aos terreos eólicos e os resultados económicos obtidos polos propietarios dos terreos rurais onde se instalaron as centrais eólicas.

Por último, na categoría de traballo académico de grao ou mestrado recolleu o galardón Diego Gómez Méndez polo estudo ‘O sector lácteo en Galicia: dinámica recente e perspectivas nun mercado liberalizado’, tendo en conta o novo contexto que se abriu desde o 1 de abril de 2015 co fin das cotas lácteas na Unión Europea. Da súa detallada investigación conclúe, en contraste coa fortaleza do sector produtor, a “debilidade” da industria transformadora e como isto “limita o potencial do complexo lácteo na nosa comunidade”.

Valentín Paz Andrade
A cerimonia de entrega rematou co premio Valentín Paz Andrade, que recaeu no traballo ‘La gestión del riesgo y el seguro en la empresa gallega’, do que é director Luis A. Otero González e son autores Pablo Durán Santomil, Rubén Lado Sestayo, Milagros Vivel Búa e Luis Ignacio Rodríguez Gil, e que foi publicado pola editorial Fundación Inade en 2015.

Se ben a pesar da importancia da xestión integral do risco, apenas existen estudos que analicen a situación no ámbito estatal ou autonómico. Este traballo tenta así reverter esta eiva en Galicia, explicando o nivel de implantación de políticas de xestión do risco, as técnicas aplicadas e a importancia do seguro como ferramenta de transferencia do risco. O estudo profunda ademais nos efectos que ten sobre a empresa, en particular o risco global que asume e a creación de valor.

Fonte: xornal.usc.es