Oficina CEER
 07-02-2017
UN ESTUDO ANALIZA OS PROTOCOLOS MÁIS EFICACES PARA ELIMINAR OS SALES SOLUBLES DO GRANITO ORNAMENTAL

A tese de Jorge Feijóo avalía técnicas tradicionais como baños de inmersión ou papetas e outras innovadoras.

A súa investigación permitiu empregar por primeira vez in situ as técnicas electrocinéticas na lareira dun pazo.

Os sales solubles son uns dos principais inimigos do patrimonio cultural e artístico e poñen en risco a perdurabilidade dos monumentos construídos en pedra. Con todo, tradicionalmente investigadores e restauradores consideraron que o granito, material máis emprego en Galicia, non é tan susceptible ao impacto dos sales como o son as rochas sedimentarias. Consecuentemente, existen moi poucos estudos sobre os efectos dos sales solubles sobre o granito ornamental e escasas análises sobre os mellores protocolos para a desalación. Este é un baleiro que tenta encher a tese de doutoramento de Jorge Feijóo, dirixida por Javier Taboada e Teresa Rivas. Nela avalía técnicas tradicionais, como baños de inmersión ou aplicación de papetas, así como outras técnicas máis innovadoras, como inhibidores e/ou modificadores da cristalización ou técnicas electrocinéticas. O seu obxectivo é establecer un protocolo coas técnicas máis eficaces e as metodoloxías máis adecuadas para a extracción de sales en rochas graníticas segundo a súa porosidade e mineraloxía. Deste xeito contribúe tamén a establecer unha serie de pautas e recomendacións que permitan facilitar os futuros traballos de intervención.

O granito, tan susceptible como a rocha sedimentaria
O granito é o principal material do patrimonio construído do noroeste da península ibérica e da súa óptima perdurabilidade depende a conservación de monumentos que, non só representan a memoria e a riqueza dun país, senón que sustentan en boa medida un sector tan relevante como o turístico, lembra Feijóo. Un dos principais axentes que altera e pon en risco a perdurabilidade do patrimonio cultural son os sales solubles, que poden ocasionar patoloxías que están relacionadas coa perda de material (arenizacións, desplacacións superficiais, alveolizacións), ao cristalizar as sales no interior dos poros dun material exercendo presións internas que, en ocasións supera a resistencia do material, ou ocasionar danos estéticos cando cristalizan na superficie en forma de eflorescencias. En todo caso ocasionan danos que poñen en grave risco o valor histórico-artístico.

Con todo, e a pesar de ser un material primordial na construción tradicional en Galicia, existen poucos estudos sobre os efectos dos sales solubles, xa que “numerosos investigadores e restauradores consideran que o granito, debido á súa baixa porosidade, é unha rocha ornamental con baixa susceptibilidade fronte á alteración por sales”. Porén, certas particularidades como o seu sistema poroso tipo fisural e a súa natureza polimeral, explica o investigador, “fan que este material de construción sexa tan susceptible de alterarse fronte aos sales solubles como o son as rochas sedimentarias”, que son as máis estudadas no ámbito da investigación en patrimonio.

As técnicas idóneas para cada tipo de gratino
O traballo de Feijóo centrouse en establecer as metodoloxías adecuadas para a extracción de sales en rochas con diferente porosidade e mineroloxía. Para este proceso empregou tanto técnicas tradicionais como outras máis innovadoras. Entre as primeiras están os baños de inmersión, un método de desalación aplicado a pezas materiais de reducido tamaño, que permite extraer os sales por difusión debido á existencia dun gradiente de concentracións entre o material afectado e o medio desalinizador acuoso. Outro método tradicional estudado é a aplicación de papetas, un tipo de apósitos humedecidos confeccionados por distintos compostos como celulosa, sepiolita ou caolín, que permiten extraer as sales pola acción conxunta de dous mecanismos: a difusión e a advección. Entre técnicas innovadoras, Feijóo analizou algunhas pouco estudadas ata agora no eido da restauración, como son os inhibidores e/ou modificadores da cristalización, compostos que actúan incrementando a concentración de saturación do sal e modificando o seu hábito de cristalización. Empregou tamén as técnicas electrocinéticas, que forzan a migración dos ións ao aplicar un campo eléctrico ao material.

Traballo práctico
Para a realización do estudo, o investigador seleccionou dous tipos de granitos con propiedades petrográficas e mineralóxicas diferentes, que ademais teñen sido empregados amplamente na construción de boa parte do patrimonio galego. Cos ensaios realizados en laboratorio Feijóo puido analizar “como se comporta cada técnica, cal é a súa eficacia á hora de extraer os sales presentes, como inflúen as propiedades das rochas nos resultados obtidos e, finalmente cales son os posibles efectos adversos que se poden ocasionar no material debido á súa aplicación e como se poden solventar”. Cos resultados dos diferentes ensaios o enxeñeiro estableceu os protocolos recomendados que se deben seguir cando se pretenda intervir unha rocha granítica contaminada por sales.

Pero ademais dos ensaios realizados en laboratorio, Feijóo foi un paso máis aló. Explica que “debido aos resultados tan satisfactorios que se obtiveron co uso das técnicas electrocinéticas” decidiu tratar in situ unha columna de granito moi afectada por sales solubles. A estrutura forma parte dunha lareira situada no interior dun pazo galego e intervención que se realizou nela é “a primeira dun granito en obra mediante este tipo de técnicas e permitiu alcanzar resultados positivos e similares aos obtidos en laboratorio”, conclúe.

Fonte: duvi.uvigo.es