Oficina CEER
 09-02-2017
A UNIVERSIDADE DE VIGO PARTICIPA EN TRES DOS CATRO PROXECTOS SELECCIONADOS NA CONVOCATORIA EUROPEA BLUE LABS

O obxectivo é potenciar a transferencia ao mercado dos resultados da I+D+i mariña.

A EE de Telecomunicación coordinará un deles, centrado no uso de drones para detectar lixo na costa.

A convocatoria Blue Labs: innovative solutions for maritime challenges recibiu 50 propostas de proxectos, que foron avaliados pola Axencia Executiva para as Pequenas e Medianas Empresas (Easme). Delas tan só foron seleccionadas catro, tres das cales contan coa participación da Universidade de Vigo. Esta alta taxa de éxito nunha convocatoria europea moi esixente recoñece as achegas dende o eido científico e tecnolóxico ao eido do crecemento azul ou Blue Growth e os proxectos seleccionados recibirán financiación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEAMP). Os proxectos con participación viguesa abordan temas como a identificación de compostos ou moléculas de interese para a industria farmacéutica o alimentaria nas macroalgas invasoras; a aplicación das tecnoloxías dos UAV´s (drones) e o procesado dixital das imaxes para a detección de lixo en praias ou zonas costeiras e a implementación dun innovador “laboratorio” para desenvolver solucións novas e viables na xestión da contaminación mariña, en particular, de mareas negras.

A convocatoria, cun orzamento total de 1,7 millóns de euros, busca apoiar iniciativas multidisciplinares nas que participan novos investigadores, proporcionándolles un espazo organizativo para o traballo colaborativo e multidisciplinario que lles permita levar os resultados da investigación do eido mariño e marítimo ao mercado. As bases requiren que para que un proxecto sexa un Blue Lab debe estar orientado aos resultados, é dicir, que se traduza nun produto tanxible; debe ser innovador e ter unha dimensión piloto e demostrativa; ser multidisciplinar e incluír no equipo de traballo a estudantes, investigadores e expertos experimentados do mundo empresarial ou do sector público, así como estar orientado aos stakeholders.

Fernando Martín, Ana Bernabeu e Celia Olabarría son os encargados de coordinar a participación viguesa en cada un dos tres proxectos (LitterDrone, SpilLess e Amalia, respectivamente). Coinciden en destacar a importancia de estar presentes en tres dos catro proxectos elixidos. O profesor Fernando Martín, do grupo de Procesado de Imaxe, recoñece que están “abraiados con este resultado” e considera que unha razón do éxito “foi adecuarse moi ben ao que se pedía na convocatoria, é dicir, proxectos relacionados co medio mariño, facendo especial fincapé na ecoloxía e respecto ao medio ambiente”. Remarca tamén que, a iniciativa que coordina, é un proxecto “eficiente, xa que propón resultados de alcance importante cun orzamento que non é excesivo”. Para Celia Olabarría, do grupo de Ecoloxía e Zooloxía Mariña (EZ1-EcoCost), “a valoración é moi positiva, xa que indica que montamos un bo consorcio e que a temática abordada é de interese e está ben plantexada”. Pola súa banda, para Ana Bernabeu o éxito nesta convocatoria europea “tan competitiva” dun proxecto composto, principalmente, por investigadores de España e Portugal “demostra o grande esforzo, vocación e voluntarismo que os científicos investimos cada día para facer o noso traballo” e demostra tamén que “somos capaces de competir ao máis alto nivel”. A científica do grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental pon en valor este logro, sobre todo cando “tanto os investigadores portugueses como os españois contamos cun escaso apoio, tanto no recoñecemento do noso importante labor, como no soporte económico ás nosas investigacións” e láiase de que “gran parte deste potencial e das nosas ideas innovadoras se están desaproveitando no noso país”.

Proxecto LitterDrone
O proxecto LitterDrone é o único liderado pola Universidade de Vigo e ademais é integramente español, coa participación de dous grupos de Vigo xunto coa Asociación Española de Basura Marina e Grafinta SL, unha empresa de material topográfico, incluíndo UAV’s. O obxectivo do proxecto, cun orzamento total de 392.657 euros e dous anos de duración, “é aplicar tecnoloxías actuais, como a obtención de imaxes dende drones e procesado dixital das mesmas, para axudar ao control e limpeza do lixo nas costas”, explica o profesor Fernando Martín. Por parte da institución viguesa participan o Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual e o grupo I-markt. O primeiro deles, con sede na EE Telecomunicación, encargarase de deseñar un software capaz de identificar obxectos estraños como lixo nas imaxes procedentes dos UAV’s. O resultado “debería ser unha ou varias ferramentas software que permitan detectar os diferentes tipos de residuo: plástico, hidrocarburo, etc”. Por outra banda, o grupo I-markt, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, estudará os posibles servizos e modelos de negocio que poden xurdir para explotar a tecnoloxía desenvolvida no proxecto, incluíndo a posible creación de novas empresas.

Proxecto SpilLess
O proxecto SpilLess (First line response to oil spills based on native microorganisms cooperation) está impulsado por un consorcio de centros de investigación e empresas de Portugal (Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental da Universidad de Porto, que coordina o proxecto; Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia e Ciência e a empresa Biotrand), España (grupo Geoma da Universidade de Vigo e a empresa ACSM) e Noruega (a empresa Marlo). Cun orzamento de 370.000 euros e dous anos de duración, a finalidade é a implementación dun “laboratorio” para desenvolver solucións novas e viables na xestión da contaminación mariña, especialmente nos caos de mareas negras. Explica Ana Bernabeu que estas solucións basearanse nunha “dobre vía”, por un lado, a "produción de consorcios microbianos nativos con capacidade de biorremediación, e por outro, a adaptación de vehículos non tripulados e autónomos para combater in situ un evento de contaminación, liberando de forma localizada estes microorganismos (bioaumentación) ou nutrientes (bioestimulación)". A participación viguesa implica a coordinación dun bloque de traballo no que se establecerán as condicións ambientais e operativas para diferentes situacións de vertidos en ambientes mariños.

Proxecto Amalia
O proxecto Amalia céntrase na valorización das algas mariñas invasoras do noroeste ibérico e nel participan varias institucións de Portugal (Instituto Politécnico de Leiria, que actúa de coordinador; o Instituto de Ciencia de Inovaçao em Engenharia Mecanica e Engenharia Industrial; a Universidade de Coimbra; a Associaçao para o Desenvolvimento de Peniche e empresa Algalplus Lda); España (Universidade de Vigo); Austria (Biomin Holding GmbH) e Holanda (Quest Photonic Devices BV). Con dous anos de duración e un orzamento total de 614.462 euros, esta iniciativa xorde, como explica a investigadora e coordinadora do equipo vigués, Celia Olabarría, do feito de que “as macroalgas invasoras constitúen un problema ecolóxico e, en moitas ocasións económico” e, neste contexto, o proxecto Amalia tratará de identificar nelas compostos ou moléculas con potencial interese para a industria farmacéutica o alimentaria”. O grupo de Ecoloxía e Zooloxía Mariña centrarase en “determinar a distribución e abundancia das macroalgas invasoras no noroeste da península ibérica, dende Foz ata Peniche, e elaborar mapas de distribución e modelos de hábitat que nos permitan predicir o hábitat potencial destas especies”, destaca a docente. Así mesmo, levarán a cabo experimentos para avaliar o impacto das especies máis abundantes.

Fonte: duvi.uvigo.es