Oficina CEER
 15-02-2017
UN ESTUDO ANALIZA POR PRIMEIRA VEZ O PESO DO TURISMO EN ESPAÑA NO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX

Desenvolvido polo profesor Rafael Vallejo xunto coas docentes da UdC Elvira Lindoso e Margarita Vilar.

A investigación céntrase nun período do que non hai estatísticas polo que recorreron a fontes históricas alternativas.

Non foi ata a década de 1960 cando España acadou a condición de país turístico líder. Antes diso, tense identificado una etapa de despegue na década anterior e unha pouco coñecida fase previa, no primeiro terzo do século XX, na que se sentaron as bases para o desenvolvemento posterior deste sector, hoxe central, da economía estatal. Diversos especialistas identifican nesas tres primeiras décadas do século pasado unha etapa de fermento turístico, pero atópanse cunha dificultade á hora de analizala, a falta de cifras e estatísticas reais, xa que a información básica do sector comezou publicarse en 1929. A esa lagoa enfrontáronse o profesor Rafael Vallejo, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, e as docentes da Universidade da Coruña, Elvira Lindoso e Margarita Vilar, membros do grupo Turhisgal. O seu traballo recóllese nun artigo titulado Los antecedentes del turismo de masas en España. 1900-1936 publicado na Revista de la Historia de la Economía y de la Empresa nun monográfico sobre turismo que recolle investigacións de universidades de España, Grecia e Italia. Trátase dun estudo innovador porque enche un baleiro de información estatística estándar con anterioridade á década de 1930 e, para facelo empregaron fontes cuantitativas alternativas, como a Estatística Administrativa da Contribución Industrial e de Comercio, os Anuarios financeiros das Sociedades Anónimas, as cifras do Patronato Nacional de Turismo, o Anuario Estatístico de España, etc.

Unhas das principais novidades desta investigación foi o uso das hemerotecas dixitais da prensa escrita da época para elaborar un Índice de Intensidade Mediática do Turismo e outro sobre o Balnearios. Este xeito realizaron unha medición do número de aparicións nos xornais do termo turismo, é dicir, cuantificar as palabras e saber que presenza nos medios tivo o fenómeno. Segundo explica Vallejo, o termo comeza a aparecer de forma regular nos anos 1903-1905, medra de forma continuada ata un máximo en 1913-1914, descende logo a súa presenza coincidindo cos anos da Primeira Guerra Mundial, e a partires de 1923-1924 volve crecer ata alcanzar un pico en 1929. Logo baixa nos anos da República, pero mantense sempre en niveis superiores á media dos anos 20, e cae de forma dramática a partires de 1936, coincidindo co inicio da Guerra Civil. “A pregunta que nos formulamos é se estas etapas reflicten un ciclo económico e concluímos que si, porque son semellantes as do turismo internacional”.

A industria dos forasteiros e non dos estranxeiros
O achegamento cuantitativo aos inicios do turismo en España permitiu aos investigadores galegos obter algunhas conclusións sobre o impacto deste sector na economía e sobre a oferta de establecementos e equipamentos turísticos como balnearios, baños, hoteis, etc. Sitúan nesta primeira parte do século o nacemento da “industria dos forasteiros”, que non hai que identificar exclusivamente coas persoas estranxeiras, senón tamén co turismo interior. A comezos de século é un “fenómeno elitista, que se vai estendendo progresivamente e nos ano 30 certos sectores das clases medias xa participan destas prácticas”. De feito, a principios de século “cidades como Santander ou San Sebastián eran xa cidades turísticas, onde este tipo de actividades achegaban uns ingresos significativos e había xa unha industria relacionada con esta actividade”. Empezan a xurdir axentes privados e públicos, ábrense hoteis e balnearios, axencias de viaxes, ofrécense paquetes de produtos, ponse en marcha transporte especializado, etc. e arranca tamén a política turística para xestionar este novo sector con potencial de crecemento.

Esta “tendencia á popularización faise máis intensa” na década de 1930, e será xa despois da Segunda Guerra Mundial, cando o turismo se converta xa “nun fenómeno claramente de masas”. Pero o estudo revela que xa “no primeiro terzo do século XX configurouse un sistema turístico, no que logo se producen cambios cualitativos e cuantitativos pero as pezas básicas xa estaban postas”.

Vallejo tamén destaca que nesta época o turismo era un “fenómeno dos nacionais”, tanto no relativo ao turismo interior como ao exterior, xa que as cifras de turistas españois son bastante superiores ás de estranxeiros que visitaban España. “Segundo a nosa estimación, os turistas estranxeiros, cuxas divisas achegaron o 0,4% do PIB entre 1931 e 1934, virían a significar entre o 10 e o 17% do turismo total español”, sinalan os investigadores, mentres que entre o 60% e o 75% do total eran turistas españois que viaxaban polo propio país e entre o 11% e o 19% españois que visitaban outros países. Polo tanto, e segundo estes datos, “os españois que fixeron turismo suporían entre o 3,5% e o 6,2% do total da poboación española nesas datas”, e de feito, en boa parte deste período, as clases adiñeiradas españolas nas súas viaxes de pracer dirixían cara outros países máis divisas cas que achegaban os turistas estranxeiros que visitaban España. Neste sentido, o Patronato Nacional de Turismo en 1930 explicaba que “España exporta un turismo nacional pode que non moi importante en número, pero si moi valioso pola súa calidade e, sobre todo, polas longas tempadas que pasa no estranxeiro”. Esta entidade salienta principalmente a costa atlántica francesa, dende Cap Bretón ata Hendaya, “que supón unha exportación de diñeiro que dificilmente podía compensarse co que no noso país deixara todo o turismo de estranxeiros durante o ano”.

O papel de Galicia
Entre os destinos nacionais, a Santander, San Sebastián, Sevilla ou Madrid, fóronse unindo Palma de Mallorca, Málaga, Valencia, Toledo, Cádiz... con especial impacto das exposicións Iberoamericanas de Sevilla e Universal de Barcelona en 1929. En Galicia despuntaron Pontevedra, Santiago, Coruña e Vigo, cidades estas dúas últimas favorecidas na década de 1930 pola expansión do turismo marítimo de cruceiros, malia ser os anos de contracción económica, pois as compañías navieiras inclináronse polo turismo para compensar a caída da emigración e do tráfico de mercadorías. Por exemplo, en Vigo formouse en 1933 a Sociedad Anónima de Iniciativas Turísticas sendo un dos seus fundadores Estanislao Durán, impulsor de varias iniciativas relacionadas co turismo nesta época. Galicia foi avanzando así nestas décadas en equipamento e oferta para recibir visitantes, apoiándose nunha primeira etapa principalmente no termalismo, con establecementos tan destacados como o Balneario de Mondariz ou o da Toxa para dar paso a outro tipo de oferta menos medicinal e máis turística, de lecer e cultural.

A industria e a oferta turística
Para dar servizo a esa minoría social de clase alta e media acomodada que comeza a facer turismo comeza a crecer tamén unha industria tanto de aloxamento como de ocio e de transporte. Entre 1900 e 1935 o stock turístico duplicouse e arrancou en despegue para transformar os establecementos e crear outros novos que respondesen ás necesidades e gustos europeos. Analizando a evolución do turismo e o Índice de Intensidade Mediática, os investigadores concluíron que o turismo en España experimentou as mesmas fases que a nivel mundial. Produciuse un despegue ata a Primeira Guerra Mundial, unha contracción durante a mesma e a posguerra inmediata, un boom na segunda metade da década de 1920, ata que se produciu un brusco retroceso entre 1931 e 1932. A partir de 1933 comeza unha recuperación e na época republicana as axencias de viaxes ofrecían paquetes turísticos diversos, como o de Viajes Iberia en 1935 que cun prezo de 2325 pesetas comprendía un mes por Noruega e os fiordos. Ou a oferta de Viajes Urbis, para pasar a noiteboa en Estoril, con seis noites en hoteis de primeira clase e grandes festas por 200 pesetas. A Guerra Civil cortou a recuperación iniciada en 1933 e o país tardou máis dunha década en volver aos niveis anteriores, sufrindo tamén o impacto da Segunda Guerra Mundial.

Rafael Vallejo, Elvira Lindoso e Margarita Vilar conclúen así mesmo, que a comparación internacional resulta “transcendental” para dimensionar o fenómeno turístico en España entre 1900 e 1936 e apostan por continuar traballando nesta liña no futuro, perfeccionando as cifras e traballando con estatísticas doutros países na década de 1930. Este traballo de perfeccionamento do coñecemento económico do turismo en España nesta etapa vai ser presentado, con novas cifras, en xuño de 2017 na VI Conferencia de IATE (International Association for Tourism Economics), que se celebrará en Rimini (Italia), baixo o auspicio da Universidade de Bolonia.

Fonte: www.duvi.uvigo.es