Oficina CEER
 23-02-2017
650 ALUMNAS E ALUMNOS DA UNIVERSIDADE DE VIGO PARTICIPAN ESTE CURSO EN PROGRAMAS DE MOBILIDADE

Italia segue a ser o principal destino do alumnado vigués, seguido de Polonia e Portugal.

O alumnado de Filoloxía e Tradución é o que máis participa neste tipo de programas.

Un total de 653 alumnas e alumnos da Universidade de Vigo cursan este curso parte dos seus estudos no estranxeiro, a inmensa maioría fano en Europa, ao abeiro do programa Erasmus, pero a listaxe de destinos inclúe lugares tan distantes das fronteiras galegas como Xapón, Brasil, Estados Unidos, Corea, Malaisia, México, Sudáfrica, Uruguai ou Taiwán.

“As cifras son lixeiramente mellores cas do ano pasado. Esperamos que esta sexa a sinal de recuperación que estabamos a esperar despois da baixada dos anos duros da crise”, explica o vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que en relación aos destinos explica que se en liñas xerais mantense tamén a distribución dos anos anteriores “algo coherente co feito de que a Universidade de Vigo ten xa unha estrutura de parceiros internacionais bastante consolidada”, ao que engade que, “aínda así”, desde a vicerreitoría se comezou xa a traballar para incorporar novos destinos de calidade ao programa, “á vez que comezaremos a preparar un plan de continxencia para estar previdos para cando o Brexit sexa unha realidade, fundamentalmente coa negociación de novos destinos que proporcionen docencia en inglés en países como Irlanda, Países Baixos, República Checa, Polonia ou Eslovaquia”.

Dos 164 estudantes enviados ao estranxeiro no curso 1998/1999 en pouco máis de dez anos chegouse a alcanzar a cifra de máis de 700, non só a través das diferentes modalidades do programa Erasmus (Erasmus+, Erasmus+ Prácticas, Erasmus Mundus...), senón tamén doutros programas que se foron sumando posibilidades de intercambio (bolsas propias, ISEP, G4...).

Italia consolídase e Latinoamérica comeza a despuntar como destino Con cifras moi similares ás do curso anterior, este ano decidíronse a participar nos programas de intercambio 339 alumnas e 313 alumnos: 347 do campus de Vigo, 157 de Pontevedra e 147 de Ourense. O principal destino elixido foi, un ano máis, Italia, país que acolle este curso a 108 estudantes procedentes da Universidade de Vigo. Séguelle Polonia e Portugal, con 83 cada un; Alemaña, con 50; Reino Unido, 42; Francia, 31; República Checa, 25; Estados Unidos, 20... A lista completa suma 39 países de Europa, América, Asia e África.

“Europa segue a ser o principal destino, xa que, ademais de ser o destino con máis axudas, ao sermos cidadáns europeos os nosos alumnos e alumnas están nas mesmas condicións que os locais”, explica o vicerreitor, que apunta tamén o progresivo despunte de Latinoamérica, sobre todo Brasil e Arxentina, pero tamén lugares como Chile ou México.

Liderados por Filoloxía e Tradución, a mobilidade internacional esténdese a todos os centros

Se ben en maior ou menor medida, a participación neste tipo de programas está xa estendida a todas as escolas e facultades, tanto propias como adscritas, Filoloxía e Tradución, centro especializado na formación e investigación en materia de linguas, culturas e literaturas e no desenvolvemento de destrezas de comunicación para a mediación entre individuos e culturas que falan diferentes linguas, é onde máis estudantes se deciden a realizar parte dos seus estudos no estranxeiro, algo que dende o propio centro se encargan de fomentar. Este curso están a participar nestes programas de intercambio 98 dos seus alumnos e alumnas, o que supón un 15% do total de intercambios que se realizan na Universidade de Vigo.

Despois de Filoloxía e Tradución, os centros con máis estudantes participando neste tipo de programas internacionais son: Ciencias Sociais e da Comunicación, no campus de Pontevedra, con 62; a Escola de Enxeñería Industrial, en Vigo, e Ciencias da Educación, en Ourense, con 55, respectivamente; Ciencias Empresariais e Turismo (Ou), con 52 ou Belas Artes, con 35.

Fonte: duvi.uvigo.es