Oficina CEER
 23-02-2017
A UDC LIDERA UNHA INVESTIGACIÓN EUROPEA SOBRE SERVIZOS SOCIAIS

A profesora da Universidade da Coruña Marta Rey vén de participar na Conferencia Internacional de presentación de resultados do Proxecto Europeo ITSSOIN sobre o impacto do terceiro sector como innovación social ante as institucións europeas en Bruxelas. A innovación social, segundo considera a profesora e investigadora principal da UDC neste proxecto, é a creación e implementación de novas solucións a problemas sociais.

A UDC liderou a investigación sobre servizos sociais neste proxecto (www.itssoin.eu) que desenvolveu nos últimos tres anos un consorcio internacional liderado polo Centro para o Investimento Social, CSI, da Universidade de Heidelberg, Alemaña, composto por once universidades e centros de investigación de nove países europeos. Este proxecto foi financiado pola Comisión Europea dentro do Programa FP7 cun total de 2,5 millóns de euros. Os resultados deste proxecto presentáronse en Bruxelas durante os días 20 e 21 de febreiro ante preto dun centenar de representantes de institucións europeas, expertos, profesionais, organismos públicos e entidades do terceiro sector.

Entre as novas solucións a problemas sociais analizadas pola UDC para España destacan a teleasistencia a persoas dependentes, as estratexias de impacto colectivo para a inserción laboral de persoas vulnerables ante o emprego, as plataformas de educación financeira online e a museoloxía social para a rexeneración dos territorios.

O proxecto requiriu a realización dun total de 27 casos de estudo en nove países e en sete ámbitos específicos: servizos sociais, inserción laboral, protección do consumidor financeiro, arte, cultura, saúde, sustentabilidade medioambiental e desenvolvemento comunitario. Estudáronse un total de 129 organizacións, 21 delas en España, pertencentes aos tres sectores da economía (público, empresarial e non lucrativo). No ámbito dos servizos sociais, liderado pola UDC, analizáronse 22 organizacións dos tres sectores en catro países europeos: Reino Unido (en colaboración coa London School of Economics), Suecia (coa Stockholm School of Economics), Italia (coa Universidade de Bocconi) e España. Entre os resultados do proxecto destacan os seguintes:

• A crecente preocupación polo custe-eficacia das políticas e servizos públicos estimulou a aparición de novas solucións a problemas sociais. A crise, en particular, fomentou a innovación social baseada en aplicar principios de xestión empresarial á solución de problemas sociais.

• A innovación social require de colaboración entre organizacións públicas, empresariais e non lucrativas para materializarse. Todos os casos analizados son emprendementos sociais colectivos, onde ademais de organizacións dos tres sectores implícanse cidadáns como participantes no uso das novas solucións (por exemplo, beneficiarios do servizo de teleasistencia e os seus coidadores) ou voluntarios nas organización que as poñen a disposición da cidadanía.

• Entre as aportacións distintivas de cada tipo de organización aos procesos de innovación social destacan as seguintes:

o As administracións públicas seguen sendo chave, a pesar dos recortes, para fixar as regras de xogo (normativa, incentivos) e en moitos casos para co-financiar algunhas innovacións sociais.

o As organizacións do terceiro sector ou da economía social (cooperativas, fundacións, asociacións, centros especiais de emprego, etc.) desempeñan un papel fundamental na detección de novas necesidades sociais e na atención personalizada a colectivos vulnerables (por exemplo, desempregados de longa duración, consumidores de servizos financeiros desprotexidos) ou dependentes (como maiores dependentes, persoas con discapacidade).

o As empresas xogan un papel esencial á hora de escalar as innovacións sociais mediante modelos de negocio sustentables, comercializándoas entre novos segmentos de clientela (por exemplo, teleasistencia domiciliaria). Fonte: www.udc.es