Oficina CEER
 27-02-2017
COMO MELLORAR A PRONUNCIA EN INGLÉS OU ENSINAR FONÉTICA INGLESA DE XEITO DINÁMICO E EFICAZ?

Un equipo de investigación da USC propón EPSS, un toolkit de pronuncia inglesa especialmente adaptado a falantes de español, que se presenta en soporte DVD.

Numerosos estudos coinciden na deficiente competencia oral comunicativa dos españois en inglés, salientando que son as competencias fonéticas as que requiren urxentemente unha mellor adquisición (Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas). Para reverter esta situación e suplir as carencias que tanto profesorado como alumnado manifestan ter en relación ao ensino e aprendizaxe da fonética e pronuncia inglesas, un equipo de lingüistas da USC desenvolveu en 2016 o método English Pronunciation for Speakers of Spanish. From Theory to Practice (EPSS).

EPSS, que consta esencialmente dun manual impreso e da web interactiva EPSS Multimedia Lab , vese agora complementada por un DVD preparado e editado polo Servizo de Publicacións da USC que permite a descarga de infinidade de arquivos multimedia (vídeo e audio) de gran valor didáctico. A aplicación EPSS toolkit, da autoría de Mª Ángeles Gómez e Teresa Sánchez Roura, é un método dinámico e eficaz que permite estudar e practicar a fonética e a pronuncia do inglés en calquera lugar e dispositivo (computadores, móbiles, tabletas), sen depender de conexión a internet, e de forma amena, pero rigorosa e científica.

O DVD inclúe materiais especificamente deseñados para falantes de español, prestando especial atención ás súas dificultades e erros máis frecuentes; un banco de sons contrastando os do inglés británico cos do español; unha batería de máis de 200 gravacións e exercicios prácticos (escritos e de audio/vídeo); e acceso a outros recursos e materiais seleccionados para ampliar os contidos.

A aplicación EPSS toolkit presentouse este venres en San Xerome nun encontro cos medios de comunicación no que, ademais das autoras, participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez, e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan L. Blanco.

EPSS Multimedia Lab
O método EPSS desenvolvido na USC e agora mellorado con este novo soporte dixital constaba na súa orixe da web interactiva EPSS Multimedia Lab , da autoría de Ángeles Gómez González, Sánchez Roura, M. Torrado Cespón, A. Rollings e M.D. Gómez Penas e de acceso libre na web da USC, e do libro English Pronunciation for Speakers of Spanish. From Theory to Practice elaborado polas dúas autoras.

Fonte; xornal.usc.es