Oficina CEER
 08-03-2017
A USC SÚMASE AO DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

A USC celebra esta semana nos campus de Santiago e Lugo numerosas actividades que conmemoran o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O acto institucional central tivo lugar este martes na Casa do Saber de Lugo e nel deuse lectura a un manifesto acordado polas universidades españolas no que se reivindica o seu cometido a prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres na sociedade, ademais de demandar a recuperación de liñas de financiamento para afondar nos estudos de xénero e sobre a muller.

Un día antes, na Facultade de Relacións Laborais de Santiago desenvolvérase unha xornada conmemorativa na que se analizou a situación da muller no eido laboral a partir do último Barómetro Galego de Equidade Laboral (EquiGal) e que demostra que a medida que se recupera o emprego, o mercado laboral se converte en menos equitativo.

Iniciativas culturais
Ademais, con motivo do 8 de marzo a Facultade de Ciencias da Comunicación e a súa biblioteca, en colaboración coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC, inaugurou o novo espazo "m n=muller en potencia", no que se dará acollida a mulleres vinculadas co mundo da ilustración e a viñeta, entendidas hoxe como creadoras en minoría. Nesta primeira ocupación de mn participou este mércores a autora da personaxe Dina Mita, Ticiana Ghiglione Darriba, que explicou a súa andaina no mundo da ilustración.

Paralelamente, esa facultade desenvolve tamén neste mes de marzo o ciclo ‘A outra mirada-Cinema e Muller’ dedicado ás directoras galegas e as súas incidencias no acontecer próximo e elaborado por un grupo de alumnas da Facultade. A actividade inaugurouse coa proxección de "Doli Doli Doli... Coas conserveiras", de Uqui Permui, e continuará o 14 de marzo con Olaia Sendón e "Kauflanders", o 21 con ‘Tralas luces’ de Sandra Sánchez e o 28 con Diana Toucedo e o seu traballo ‘ En todas as mans’.

Por último, este xoves 9 preséntase ás 20.00 horas na Igrexa da Universidade o documental inédito ‘Mulleres en Círculo, cabana vermella work-in-progress’, de Reme Remedios, que dá conta do proxecto experimental colaborativo que durante un mes do pasado ano permaneceu na Igrexa da Universidade coa idea de transformar a acción artística en ferramenta para intervir na sociedade dende un posicionamento crítico, reivindicando o papel activo da muller na sociedade e no mundo da arte.

Fonte: xornal.usc.es