Oficina CEER
 08-03-2017
VIGO SÚMASE Á CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Varios centros uníronse á campaña internacional de paro laboral feminino de 12 a 12.30 horas.

Con gallo desta data, celebrouse tamén unha semana deportiva en clave feminina.

O campus de Vigo sumouse este mércores aos actos de conmemoración do Día Internacional da Muller con varias iniciativas para reclamar a igualdade real de xénero. Varios centros adheríronse á convocatoria internacional de paro feminino de 12 e 12.30 horas á que estaban chamados máis de 50 países. O edificio de Ciencias Experimentais foi un dos puntos nos que tiveron lugar concentracións de alumnas, profesoras e traballadoras de administración e servizos. Con estas iniciativas, que teñen o seu precedente en Islandia en 1975, as organizacións feministas chamaron ás mulleres a un paro laboral de media hora en centros de traballo e institucións académicas para amosar que “sen nosoutras non se move o mundo”. A pesares de que o chamamento inicial era a un paro feminino, ás concentracións dos tres campus da Universidade sumáronse alumnos e traballadores comprometidos coa loita pola eliminación das desigualdades e discriminación por razón de xénero e contra a violencia machista.

Paralelamente, o campus vigués acolle tamén dende o luns a Semana da Muller no Deporte, unha iniciativa que trata de fomentar a actividade física entre alumnas, profesoras e traballadoras a través de actividades de balde que comprenden clases de aquagym, hipopresivos, defensa persoal ou running. Este mércores a cita foi no pavillón universitario no que se celebrou unha sesión de zumba. A iniciativa, posta en marcha por un alumnos dentro do programa UTOP-Liderado e Deporte, trata de reverter a situación actual, na que as mulleres teñen moi escasa presenza nas actividades do Servizo de Benestar, Saúde e Deporte, especialmente nas ligas universitarias, que no curso pasado contaron coa participación de 1452 homes fronte a tan só 92 mulleres.

Fonte: www.uvigo.es