Oficina CEER
 13-03-2017
MÁIS DE 80 HACKERS “BOS, AUDACES E SOLIDARIOS” NA PROCURA DE APPS QUE MELLOREN O MUNDO

Arrancou onte xoves en Vigo o HackforGood 2017, que rematará mañá sábado coa entrega de premios.

Traballan para crear aplicacións que fagan uso masivo de datos e teñan impacto social.

A terceira edición en Vigo do encontro de desenvolvedores e hackers HackforGood reúne estes días máis de 80 estudantes que durante tres xornadas traballarán na creación de Apps que fagan uso masivo de datos e teñan un grande impacto social. A finalidade é responder a retos globais previamente rexistrados dende calquera parte de España presentando aplicacións que axuden a “mellorar o mundo”. A iniciativa, que arrancou onte xoves, está promovida por Telefónica, xunto coa ETSI de Telecomunicación da Politécnica de Madrid, a Fundación HazloPosible e a startup MashmeTV, co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre elas, a da Universidade de Vigo.

Hoxe venres tivo lugar o acto institucional de inauguración no edificio Miralles coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e da directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. Esta última explicou que neste hackathon, que compaxina traballo práctico e formación, “participan 1200 alumnos de 22 universidades reunidos en 14 sedes en toda España”. Animou aos 80 participantes da edición galega, hackers “bos, audaces e solidarios”, a “traballar con entusiasmo nestes tres días e sacar o máximo partido a este tipo de iniciativas, que teñen moitísima repercusión social e moita aceptación”. O reitor da Universidade, Salustiano Mato, agradeceu o “apoio e confianza” de Telefónico para o “talento que xurde da nosa Universidade a través da cátedra Telefónica” e remarcou tamén a destacada implicación do estudantado, engadindo que “é unha marabilla ser reitor de xente coma vós”. Tamén subliñou que é necesario que a institución académica dispoña de “instrumentos coma este para canalizar a vosa capacidade e talento”. Adiantou tamén que a Universidade seguirá apostando polo Vigo Tecnolóxico, centrándose especialmente na ciberseguridade, tema sobre o cal a Universidade xa conta cunha cátedra específica. Pola súa banda, José Cidrás, director da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, agradeceu a boa acollida que este evento ten cada ano. “Temos máis de 80 participantes que forman 16 grupos de traballo cada un deles traballando nun reto”, cifras superiores á da pasada edición, na que participaron 60 hackers en 13 equipos.

Outra imaxe dos hackers
No acto oficial de inauguración, tanto Mato como Menéndez fixeron fincapé no papel que teñen os hackers na construción dunha sociedade mellor e máis igualitaria. A responsable de Telefónica en Galicia recoñecía que o propio nome de “HackforGood chama a atención, porque a misión dos hackers é mellorar o mundo”. Lembraba tamén que a actualidade pón de manifesto que “somos tecnoloxicamente vulnerables e neste escenario é necesario que todos nos poñamos á obra, que sexades o antídoto a estes problemas de ciberseguridade”. Neste sentido, o evento aposta por valorar non só as calidades tecnolóxicas das Apps, senón que tamén terá en conta “que a alma dos proxectos sexa “xerar maior benestar ás persoas, resolver problemas e crear un mundo mellor”. Animou tamén a todos a presentar as súas aplicacións ao Virtual HackforGood para que o 20 de setembro os seleccionados se poidan reunir en Madrid no HackforGood Day. Os 16 grupos de traballo que participan ata mañá sábado no HackforGood en Vigo compiten tanto polos premios locais (2000 euros entre os tres mellores de cada sede) como globais (8000 euros entre os tres mellores), os de continuidade e os temáticos, que no caso de Vigo serán Premio á Innovación, á Innovación Enerxética e ao Desenvolvemento Sostible. Para chegar a ser un dos gañadores, o equipos deberán propoñer solucións innovadoras a retos sociais e deben ser capaces de presentar en sociedade este sábado nun vídeo de dous minutos. Paralelamente ás horas de traballo participarán en talleres e relatorios, entre eles o de Chema Alonso, chief data officer de Telefónica, que participou a través de videoconferencia. Ademais, para axudar aos estudantes a desenvolver as súas ideas, contan coa axuda dun equipo de docentes da Universidade de diversas disciplinas, dende enxeñaría, a márketing, comunicación ou informática.

Catro exemplos de hackers bos
A gran maioría dos máis de 80 participantes son estudantes da EE de Telecomunicación, como Laura, Lorena, Cristina, Belén e Laura, que traballan en HearMySign, “un intérprete bidireccional de castelán e lingua de signos mediante unha aplicación Android, baseado no uso de procesado de imaxe e sen hardware externo”, polo que necesita tan só un móbil ou tableta para funcionar e ten un custe menor, explican.

Sergio, Caetán, Paula e Silva traballan en No+Caducados, unha aplicación que axude aos usuarios a ter controlada a data de caducidade dos alimentos na casa e os avise das caducidades máis próximas. Remarcan que “actualmente desperdícianse diariamente toneladas de comida por estar caducada”, polo que a súa finalidade é reducir estas cifras e axudar ás persoas a aforrar, colaborar co medio ambiente e realizar un labor social. Con esta aplicación o usuarios poden recibir un aviso personalizado e ademais traballan no xeito de que se poidan indexar as datas de caducidade dunha compra completa, e non dos produtos un a un.

Bliss2speech é a proposta de Daniel, Alexei, Mauro e David, un sistema que facilita a comunicación a persoas con dificultades baseado en Blissymbols. Trátase, explican os estudantes da EET, “de empregar pictogramas nunha App para tabletas e móbiles que comunicarse a persoas con discapacidades, principalmente con parálise cerebral”.

Appybee é outra das propostas desta edición, e procede dun dos grupos máis numerosos, con sete membros, e cun carácter altamente multidisciplinar, no que se dan cita informáticos, expertos en imaxe, apicultores, etc. Trátase dun sistema de monitorización e recomendacións de tratamento contra as pragas da colmea que palía os efectos de Loque Americana e Europea e aumenta a produción de mel ata nun 17%.

Os premios coñeceranse este sábado ás 17.00 horas.

Fonte: duvi.uvigo.es