Oficina CEER
 03-04-2017
O DIRECTOR DE CINE JOSÉ LUIS CUERDA PARTICIPARÁ NO CICLO ‘DESCARBONIZA! QUE NON É POUCO...’

O director José Luis Cuerda participará este xoves 6 na programación do ciclo ‘Descarboniza! Que non é pouco...’, proxecto do grupo de investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC (SEPA) que se desenvolve en centros socioculturais da cidade. No Teatro Principal de Santiago, está prevista a proxección ás 18.30 horas do filme ‘Amanece que no es poco’, á que seguirá un debate, ás 20.30 horas, sobre ‘Sub-realismo e cambio climático’ que contará coa presenza do director.

A coincidencia do título do filme de José Luis Cuerda e o interese en indagar na relación que nel se presenta coa problemática ambiental, en xeral, e o cambio climático, en particular, motiva a organización deste sesión de visionado e posterior conversa co director. As persoas interesadas en acudir deberán reservar unha invitación no enderezo de correo electrónico descarboniza@resclima.info.

Descarboniza
Reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro é o obxectivo principal do grupo de investigación SEPA co proxecto ‘ Descarboniza! Que non é pouco’. Con este xogo de palabras, o grupo da USC presenta unha iniciativa que busca organizar e acompañar grupos de persoas que estean dispostas a “descarbonizar” os seus estilos de vida, combatendo dende o ámbito do cotiá o cambio climático. Durante o primeiro semestre de 2017 o grupo SEPA desenvolve unha iniciativa piloto no Concello de Santiago a través dun convenio de colaboración coa Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia.

Tomando como punto de referencia o traballo que se desenvolve nos Centros Socioculturais da cidade, o proxecto botou a andar con tres grupos iniciais: un grupo xuvenil no CSC de Vite, unha asociación de mulleres rurais da parroquia de Lavacolla e un grupo mixto no Centro de Fontiñas. A partir dunha información específica que se lle facilitará, cada grupo a través de distintas dinámicas irán decidindo qué facer e cómo para reducir as súas emisións de gases de efecto invernadoiro.

Coa metodoloxía de traballo elixida, SEPA pretende contribuír á participación activa da cidadanía nos problemas ambientais e na vida pública xeral. Os seus promotores apelan deste xeito á “resiliencia comunitaria, é dicir, dende a necesidade de articular mecanismos que, como comunidade e cos propios recursos, lles permita resolver satisfactoriamente os retos actuais”. Esta forma de traballar pon en valor “as actividades vivenciais significativas que conectas ás persoas co problema e o traballo grupal e comunitario que lle outorga proxección social”. Deste xeito, “ experimentar os coñecementos adquiridos e facelo acompañado doutras persoas convértese así na metodoloxía de traballo”.

A proposta do grupo SEPA parte da consideración do cambio climático como “o maior reto ambiental ao que se terá que enfrontar a humanidade nas próximas décadas”. A súa relevancia e impacto “están fóra de toda dúbida e a posta en marcha de iniciativas de mitigación e adaptación revélase unha obriga inescusable para estados, comunidades autónomas e municipios, entre outras moitas entidades”.

Fonte: www.fceer.org