Oficina CEER
 26-04-2017
AVOGAN POLA ANIMACIÓN SOCIOCULTURAL NOS CÁRCERES Á VISTA DOS RESULTADOS DUN PROXECTO EDUCATIVO EN MONTERROSO

A obra Animación Sociocultural en prisión. Experiencia en el centro penitenciario de Monterroso preséntase este xoves en Ciencias da Educación.

O Grupo de investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da USC e a asociación Aliad Ultreia presentan este xoves 27, ás 19:00 horas na aula Frei Martín Sarmiento de Ciencias da Educación (Campus Vida), a obra Animación Sociocultural en prisión. Experiencia en el centro penitenciario de Monterroso, de María Barba Núñez, Carmen Morán de Castro e Laura Cruz López.

O acto iniciarase cunha mesa na que participarán representantes da asociación Aliad Ultreia, do Grupo de investigación SEPA e do Centro Penitenciario de Monterroso para continuar cun diálogo coas autoras do libro e con profesionais da prisión e voluntariado que participou desta experiencia.

A publicación supón unha aposta decidida pola animación sociocultural como estratexia educativa impulsora da convivencia e participación comunitaria, implicando ás persoas na mellora das súas condicións de vida. Neste caso, ademais, introduce un importante reto “como é preguntarnos que sucede cando o marco comunitario é a prisión”, explica Carmen Morán, que engade que a experiencia levada a cabo en 2013 en Monterroso, “non exenta das dificultades que impón este contexto “, é unha mostra “elocuente” das posibilidades desta metodoloxía na mellora das condicións de convivencia.

Como contarán este xoves, presos, persoal de vixilancia, equipo técnico e entidades externas implicáronse na análise da súa realidade co obxectivo de transformala, impulsando propostas que permiten incrementar a coordinación entre colectivos, as oportunidades de participación e a apertura do centro á comunidade local na que se inscribe.

“Son pequenos pasos ao ritmo lento da educación en prisión, que abren un camiño cara ao que podería ser”, aseguran as autoras, claras defensoras da educación social en prisións e, por iso, “ do necesario cambio de paradigma na comprensión e proxección do penal”.

Fonte: xornal.usc.es