Oficina CEER
 02-05-2017
OS ANDROIDES MÁIS CREATIVOS MEDIRON AS SÚAS FORZAS NO CAMPUS

A III Competición de Robots reúne a máis de 800 mozas e mozos na Escola de Enxeñería Industrial.

Centros de Vigo, Brión e Santiago acadaron os premios nas categorías Wall-E e R2D2.

Con altas doses de creatividade e con aspiracións de resultar premiados na III Competición de Robots, chegaron esta mañá á Escola de Enxeñería Industrial máis de 800 mozas e mozos, na súa maior parte procedentes de centros de ensino secundario e bacharelato das catro provincias galegas. Preto de 170 equipos divididos en dúas categorías, Wall-E, dirixida a estudantado de ensino secundario e bacharelato, e R2D2, orientada a titulacións superiores e a universitarios, tomaron o hall da escola para exhibir as súas creacións nos tapices de xogo. Durante toda a mañá a escola foi un ir e vir de grupos de rapazas e rapaces novos facendo os últimos axustes aos seus robots, que participaron en ambas as dúas categorías, cunhas creacións que amosan a creatividade e orixinalidade dun alumnado disposto a ser o mellor da competición.

Casanovas, Tonecos ou Tuercas son algúns dos nomes elixidos para bautizar ás pezas que o estudantado leva fabricando varias semanas co mBot Robot Educativo (2.4G) que lles proporcionou a organización á hora de inscribirse. Arredor dun mes tardou o equipo de Alex Torres, de 1º de Bacharelato do IES Auga da Laxe, de Gondomar, en fabricar a Bender, “inspirado en Futurama”, sinala o estudante. Torres e os seus compañeiros teñen claro que queren dedicarse a algunha rama da enxeñaría, entre as súas opcións, robótica ou megatrónica. “Os alumnos dedicaron tempo nas horas de clase para elaborar o robot porque nos parecía moi interesante e moi apropiado facelo así, xa que ademais parte da materia é de robótica”, subliña Xoan Carlos Pombo, profesor de tecnoloxía do IES Auga da Laxe, de Gondomar.

Top Secret Rosies é o robot máis feminino da competición, de cor rosa e con brillos. As súas creadoras Berta Rodríguez, Lidia Pérez, Paula Martínez e Elena Tornero son alumnas de 1º de Bacharelato do IES Castro de Vigo. Estiveron tres semanas programando o androide, “que é unha homenaxe a un colectivo de mulleres que se dedicaron á informática na II Guerra Mundial”, explica Rodríguez. Pola súa banda, a profesora de tecnoloxía do centro, Peregrina Pinto, que acude á competición con nove grupos máis, opina que esta actividade ”é unha moi boa iniciativa, que fomenta o traballo en equipo e fai que os alumnos e alumnas poidan enfrontarse a un reto, algo que motiva aos rapaces”, asegura.

Realización de probas e premios
Na categoría Wall-E, o equipo Illuminati Confirmed do IES Alexandre Bóveda de Vigo foi o vencedor dos centros de 1º e 2º da ESO; o equipo Brión 4 do IES de Brión de 3º e 4º da ESO e o equipo Rosalía 4 do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela de 1º e 2º de Bacharelato. Mentres, na categoría R2D2 o premio foi para o equipo Festo Fluidsim formado por alumnado do Ciclo de Automatización e Robótica Industrial do Colegio Montecastelo. Nesta edición, o xurado do premio á orixinalidade entregou un galardón por cada categoría "ante a enorme imaxinación e creatividade das propostas". Así, o equipo The Bugs do IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, acadou o premio de 1º e 2º da ESO; o equipo Microondas do IES San Rosendo de Mondoñedo o de 3º e 4º da ESO; o equipo Casanovas 1 do IES Sofía Casanova de Ferrol o de 1º e 2º de Bacharelato d o equipo Marmini Robot do IES San Paio de Tui o premio da categoría R2D2.

Logo de rexistrase nos lugares correspondentes e realizar varias probas para facer os últimos retoques nos robots, a media mañá deron comezo de xeito simultáneo en 13 tapices diferentes as dúas probas correspondentes á categoría Wall-E, nas que participaron 155 equipos, dos cales 82 eran de ensino secundario e 73 de bacharelato. O rastrexo, un dos exercicios, consistía en seguir o percorrido de liñas rectas e curvas trazadas no tapiz, mentres que na proba do varredor, os robots tiñan que moverse nun trazado dun metro de diámetro e recoller dúas latas de refresco, que debían deixar fora do circuíto no menor tempo posible. Un pouco máis tarde foi a quenda para os 17 conxuntos inscritos na modalidade R2D2, compostos por tres compoñentes, e que procedían de titulacións superiores, aínda que este ano como novidade competiron tamén dez equipos de 1º de Bacharelato. Preto do mediodía, disputáronse tres probas individuais, rastrexo e varredor, similares ás da categoría de Wall-E, e a proba do labirinto, con máis obstáculos a sortear, e por último, competiron tamén nunha proba colectiva.

Fonte: duvi.uvigo.es