Oficina CEER
 16-05-2017
A USC CONMEMORA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS CUN ACTO LITERARIO DEDICADO A CARLOS CASARES

O reitor Juan Viaño presidiu este martes o acto literario dedicado a Carlos Casares e co que a USC conmemora o Día das Letras Galegas 2017 nunha sesión no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. “Celebramos a festa da nosa identidade, a festa da nosa personalidade”, remarcou o reitor na súa intervención. “A Universidade –engadiu Viaño- ten un papel central e unha responsabilidade clara no estudo avanzado e na divulgación desta nosa personalidade colectiva. Levamos máis de cincuenta anos recollendo este facho con orgullo e estamos comprometidos en seguir outras mil primaveras, en palabras de Cunqueiro, realizando este labor con orgullo e mestría”.

Na xornada presentouse o volume Casares en Compostela. Universidade e literatura, a cargo do director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás Escaneo, e co que a USC rememorou a figura do autor homenaxeado. De Carlos Casares “destacamos a súa etapa como universitario en Compostela, época na que entrou en relación cos grandes persoeiros do galeguismo histórico”, dixo o reitor. A análise “da súa atípica traxectoria como alumno da nosa casa complétase con dúas achegas máis que iluminan o seu papel central de divulgador da literatura e da cultura galega, continuando coa tradición de recuperar materiais textuais de difícil acceso que caracteriza a investigación sobre os autores e autoras das Letras realizada ao abeiro do Departamento de Filoloxía Galega”, engadiu Viaño.

Arredor do alcance deste volume conmemorativo, Francisco Cidrás sitúa a figura de Carlos Casares como a do “incansable traballador da cultura galega en todos os ámbitos” e como unha figura fundamental no proceso da súa construción e defensa. O volume xunta tres bloques que percorren a época como universitario e investigador do escritor homenaxeado e que se correspondería co período comprendido entre 1962 e 1980. O segundo bloque, a partir dunha selección elaborada pola profesora Dolores Vilavedra, presénta unha serie de textos do escritor a modo de reflexións sobre literatura galega, a maioría pouco coñecidos ou inéditos. Finalmente, a obra remata con dúas prosas ficcionais esquecidas de Casares.

O acto literario completouno o profesor Henrique Monteagudo que pronunciou unha conferencia homónima co volume presentado e que se corresponde co seu primeiro bloque, percorrendo os principais fitos que definen a traxectoria universitaria de Carlos Casares. Para rematar, un grupo de estudantes do grao en Lingua e Literatura Galegas deu lectura a Seis retratos de Carlos Casares. Tamén conformaron a mesa presidencial as vicerreitoras de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social e de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Dolores, Álvarez Pérez e Mª do Carme Silva Domínguez, respectivamente.

Fonte: xornal.usc.es