Oficina CEER
 30-05-2017
UN CURSO REVISA OS ÚLTIMOS AVANCES NO TRATAMENTO DO ICTUS DE XEITO INTERDISCIPLINAR

O ictus será obxecto de revisión no curso "Avances en diagnóstico, tratamento, coidados e xestión en neurociencias" que se celebrará entre os días 12 e 16 de xuño no edificio Nóvoa Santos cunha carga lectiva de 25 horas. A matrícula pódese formalizar a través da web ata o próximo 2 de xuño.

As persoas que se matriculen coñecerán os distintos medios de diagnose así como os principais coidados e a avaliación da dor en pacientes de neuroloxía, e particularmente os de ictus. Tamén se prestará atención ao tratamento clínico e mediante técnicas de imaxe en neurociencias, o impacto do ictus e á adquisición de habilidades e ferramentas na xestión de calidade das unidades de neuroloxía.

O programa comezará abordando xeneralidades do ictus e o seu impacto socio-sanitario, así como a atención extrahospitalaria deste tipo de doentes. O día 13 será a quenda de tratar a diagnose, tratamento e prognóstico clínico do ictus así como a través de técnicas de imaxe. No terceiro día falarase sobre ferramentas en xestión e xestión de calidade, técnicas de rehabilitación e medicina física ou coidados psicolóxico en pacientes con ictus, entre outras cuestións. Para rematar, o día 16 haberá oportunidade de debater sobre consideracións ético-legais e comités éticos de valoración.

As persoas máis interesadas poden atopar máis información sobre a convocatoria da Universidade de Verán 2017 na web: http://www.usc.es/gl/servizos/cultura/veran