Oficina CEER
 02-06-2017
SACÁNDOLLE PUNTA AO ROMANTICISMO DOS NÚMEROS

Un ‘micropoema’ escrito en código binario gaña o II Microconcurso da EE de Telecomunicación.

O alumnado copa os tres primeiros postos do concurso impulsado pola biblioteca do centro.

E posible facer poesía con números? O alumno da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Mateo Ramos demostrou que non só é posible, senón que o resultado seduce, cando menos neste centro, e a el valeulle, co 28% dos votos emitidos, converterse no gañador do II Microconcurso da Biblioteca da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, dedicado nesta ocasión á micropoesía. Escrita en código binario, o sistema numérico empregado para a representación de textos, a súa micropoesía componse de cinco versos nos que, a través da combinación de ceros e uns, se escribe a palabra Ámote.

Xunto a estes particulares versos de Ramos, os votantes quixeron tamén destacar, neste caso co segundo e terceiro premio, as micropoesías das alumnas Sara Otero e María Losada. “María foi a segunda e terceira clasificada o ano pasado, o que é unha boa mostra da súa calidade e desexamos que iso a anime a continuar escribindo”, explica Tina Parcero, técnica especialista da biblioteca, moi satisfeita porque “este ano a participación foi moi numerosa, mellorando moito os resultados do microconcurso de microrrelatos do ano pasado”.

A entrega de premios será o vindeiro venres dia 9 coincidindo co acto de graduación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O único premio -un kit de iniciación ao desenvolvemento en Raspberry Pi 3, doado pola escola- irá para o gañador, pero ás clasificadas en segundo e terceiro lugar entregaráselle tamén un diploma acreditativo.

Ademais do apoio da dirección do centro, esta iniciativa conta tamén co apoido da Biblioteca Universitaria, que pon os diplomas para os gañadores, e a Área de Normalización Lingüística, que se encargou dos carteis.

Fonte: duvi.uvigo.es