Oficina CEER
 06-06-2017
AS MIMOSAS INVADEN COMUNIDADES VEXETAIS INALTERADAS DO NOROESTE DA PENÍNSULA IBÉRICA

Segundo un estudo elaborado polas universidades de Vigo e Coimbra.

Conclúen que os incendios teñen un importante papel na súa dispersión e a matogueira sería unha barrera eficaz.

O avance na dispersión das poboacións da especie invasora Acacia dealbata ou mimosa é imparable, ocupando unha extensión cada vez maior no noroeste peninsular. O incremento estase dando de forma considerable tanto en espazos perturbados, como en zonas periurbanas, proximidades das vías de comunicación, como estradas ou vías férreas, e en plantacións forestais de eucalipto e coníferas como o piñeiro. Para coñecer o seu patrón de expansión e as causas que favorecen a dispersión desta especies, científicas e científicos da Universidade de Vigo e da de Coimbra desenvolveron un estudo no que avalían se o crecemento das mimosas está relacionado con factores ambientais en matogueiras e piñeirais non alterados no noroeste peninsular. Neste proxecto a Universidade viguesa está representada polo grupo de Ecofisioloxía Vexetal, do que forman parte os co-autores do traballo Jonatan Rodríguez e Luis González, xunto coa investigadora lusa Paula Lorenzo. “O proceso de invasión de A. dealbata está favorecido principalmente por perturbacións ambientais, sen embargo, detectamos que esta especie está invadindo comunidades vexetais inalteradas ata agora” destaca Rodríguez, que engade que os factores ambientais que inflúen na súa propagación nestes ecosistemas seguen sendo pouco claros. Con todo, esta é unha das especies invasoras máis agresivas do mundo e entre as consecuencias da súa implantación están a redución da luz no sotobosque, da dispoñibilidade de auga e a acidifican do solo.

Para a realización do estudo, os investigadores colocaron parcelas permanentes de mostraxe ao longo do borde de invasión en cada comunidade de plantas e rexistraron os incrementos de altura e diámetro de talo en exemplares marcados ao longo de dous anos, rexistrando tamén o número de novas árbores de acacia. Entre os factores ambientais que se avaliaron neste proxecto están as propiedades fisicoquímicas do solo, a cuberta vexetal nativa e as características da parcela, para determinar o seu efecto sobre o crecemento das árbores invasoras e, como sinala o investigador, “atopamos un patrón de crecemento diferente nas mimosas dependendo da comunidade de plantas estudiadas”. Así, os bosques de piñeiro tiñan mimosas con incrementos de altura e diámetro significativamente maiores e maior número de novas acacias que as matogueiras e ademais, descubriron que a primavera favorece o crecemento da especie invasora nos bosques de piñeiro, mentres que o crecemento non varía ao longo do ano nas matogueiras.

En canto aos parámetros ambientais que inflúen no crecemento de A. dealbata, as e os investigadores atoparon un efecto negativo da luz e da orientación da parcela, pero tamén un efecto positivo polo contido de potasio no solo e a elevación da parcela, tal e como explica Jonatan Rodríguez.

Un hábitat semellante ao seu lugar de orixe, en Australia
A expansión da mimosa no noroeste peninsular garda relación coas condicións climáticas, similares ás do lugar de orixe desta especie en Australia, que axudan a que as acacias se establezan e se naturalicen en Galicia e o norte de Portugal. A isto únense outros factores como as relacións mutualistas con outros organismos, que favorecen que a mimosa avance de forma invasora. Entre os impactos que esta especie provoca, os científicos destacan algúns ben coñecidos, como a redución da luz no sotobosque e da dispoñibilidade de auga no solo, a acidificación do solo, o aumento do contido de nutrientes do solo, a alteración das comunidades microbianas e as actividades encimáticas do solo e a diminución da cuberta vexetal nativa, ademais da diversidade de especies baixo o seu sotobosque. No proceso de elaboración deste estudo, observaron tamén que as xeadas invernais poden afectar de forma considerable ás mimosas, sobre todo na época de floración. Outro dato obtido está relacionado coa altitude e confirma a súa capacidade de aclimatación, que lle permite vivir en alturas que non acada no seu lugar de orixe e, de feito, atoparon a especie invasora na Serra do Courel a 1000 metros de altitude.

Como frear a invasión
Ata o día de hoxe varios estudos teñen tratado o control desta especie invasora mediante control mecánico conxuntamente coa aplicación de herbicida no toco, algo que resulta moi efectivo. “Outra técnica que se está a desenvolver en Portugal e que estamos probando en Galicia, é o descortezado das árbores para favorecer que se seque a raíz e posteriormente morra a árbore”, explica Rodríguez. Ademais destas técnicas de control, é importante destacar os labores de conservación dos ecosistemas e evitar as plantacións forestais exóticas. Os factores ambientais que se dan nunha matogueira ben conservada reducen a velocidade de crecemento e a aparición de novos individuos de acacia en comparación coas condicións dos piñeirais.

O equipo de científicos concluíu que a matogueira natural podería ser unha barreira eficaz para frear a rápida invasión de mimosas e suxire que a súa xestión nos bosques de piñeiro reciba un trato preferencial na Europa suroccidental. “En todo Portugal están sufrindo problemas similares coa invasión de varias especies de acacias e por iso consideramos que sería importante unir esforzos para atallar o mesmo dilema, que afecta de forma global á península, xa que as plantas non coñecen fronteiras”, conclúe o experto.

Fonte: duvi.uvigo.es