Oficina CEER
 27-06-2017
J.A. CORTÉS, INVESTIGADOR INTALENT, NAS XORNADAS DE ANTROPOLOXÍA DE GALICIA

Organizadas polos investigadores Cristina Sánchez-Carretero, do INCIPIT- CSIC, e José Antonio Cortés Vázquez, bolseiro pos-doc do programa InTalent UDC-Inditex, decorreron no Museo do Pobo Galego as “XORNADAS DE ANTROPOLOXÍA DE, DESDE, EN, PARA GALIZA” da Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO) na cal participaran uns 40 antropólogos, co obxectivo de visibilizar a dramática situación de precariedade que sofre esta profesión en Galicia e buscar solucións para o seu futuro.

As xornadas foron inauguradas por Xosé Manuel González Rebored, do Museo do Pobo Galego, e polo Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. Xosé Manuel González Reboredo salientou que o museo do pobo galego é a casa da antropoloxía galega por excelencia e felicitou a AGANTRO polo seu novo rumbo e vitalidade. Pola súa banda, Anxo Lorenzo, en representación do Conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, afirmou a importancia de que un colectivo de profesionais da antropoloxía, especialistas en cultura, se reúnan periodicamente para debater o seu campo científico e reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia en colaborar con AGANTRO nas súas actividades de investigación e divulgación da antropoloxía galega.

A continuación, o antropólogo Xerardo Pereiro, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), impartiu a conferencia inaugural das xornadas, na cal fixo un repaso pola historia da antropoloxía galega desde o século XIX ata a actualidade. Xerardo Pereiro apuntou ideas chave para pensar o presente e o futuro da antropoloxía ao servizo da sociedade galega, a comprensión e solución dos seus problemas sociais e culturais. A xornada continuou con dúas mesas de presentacións sobre a identidade dos antropólogos galegos e os seus traballos de investigación-acción. Nelas quedou de manifesto a diversidade e o bo facer antropolóxico dos máis novos e emerxentes.

Durante a tarde tivo lugar unha mesa redonda sobre a precariedade dos antropólogos, os problemas e potencialidades da antropoloxía social e cultural nas universidades galegas e a profesionalización dos antropólogos en campos tales como o ensino secundario, os informes de impactos ambientais, a xestión do patrimonio cultural, o mundo empresarial, a administración pública ou a mediación na resolución de conflitos. As xornadas concluíron cunha asemblea xeral da asociación, coordenada polo seu actual presidente, o profesor doutor Xaquín Rodríguez Campos, na cal se aprobaron os novos estatutos, a adhesión á Asociación de Antropoloxía do Estado Español e a colaboración coa Asociación Portuguesa de Antropoloxía, representada na xornada polo seu vice-presidente, o profesor doutor Humberto Martins (da UTAD). Como corolario da xornada realizouse a presentación do último libro da antropóloga Paula Godinho, da Universidade Nova de Lisboa, na libraría Lila de Lilith.

Fonte: www.udc.es