Oficina CEER
 28-06-2017
O FÚTBOL GAÉLICO ÚNESE Á CELEBRACIÓN DA DIVERSIDADE

Coa participación do Auriense FG nos actos organizados na cidade co gallo do Día do Orgullo.

O día 1 terá lugar un partido nas instalacións deportivas do campus.

Do 27 de xuño ao 7 de xullo, Ourense acolle a celebración das II Xornadas da Diversidade, no marco dos actos organizados co gallo do Día do Orgullo 2017. Na ampla programación que se porá en marcha no marco desta iniciativa por diferentes colectivos, o fútbol gaélico terá o seu oco. Liderando o auxe deste deporte na cidade, o Auriense FG participará en varias das iniciativas que se levarán a cabo no amplo de actividades que organizarán a asociación cultural A Galleira e Ourense Lgtb Friendly.

Concretamente, o día 30 de xuño os membros do Auriense FG participarán, ás 20.00 h no centro A Galleira, nunha palestra sobre Rachando cos binarismo no fútbol gaélico e o sábado 1 de xullo as instalacións deportivas do campus de Ourense acollerán, ás 12.00 h, unha exhibición aberta da Liga Gallaecia de Fútbol Gaélico. Os actos serán de entrada libre para as persoas interesadas. Segundo explica Millán Brea en nome do equipo, que conta cunha categoría masculina, outra feminina e outra mixta, "participaremos nestes actos porque para o Auriense FG é importante visibilizar a diversidade, á que consideramos fundamental no noso día a día, polo que entendemos necesario reivindicar espazos onde practicar o deporte sen ter en conta nada máis que ás persoas”.

Esta programación, destaca Millán Brea, é “o colofón a unha tempada repleta de actividades e partidos e de configuración dun club que só fai medrar e que durante as últimas semanas renovou a súa xunta directiva e trazou as liñas de traballo a curto-medio prazo”. Entre estes retos para o vindeiro curso, adianta, estará converter a escola deportiva universitaria de fútbol gaélico nun referente no ámbito galego.

Fonte: duvi.uvigo.es