Oficina CEER
 03-07-2017
A UDC ABRE A SEGUNDA CONVOCATORIA DO PROGRAMA INTALENT UDC-INDITEX

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, informou en rolda de prensa, logo da sesión ordinaria de Consello de Goberno deste mes de xuño, da apertura da segunda convocatoria do programa de captación de talento InTalent UDC-Inditex.

UDC e Inditex, no marco do convenio de colaboración existente entre ambas as dúas entidades, impulsan esta acción de captación de talento para incorporar na UDC investigadores que se encontran na etapa de posdoutoramento, con proxección e ampla traxectoria internacional, baixo o único criterio da excelencia. Inditex vén apoiando nos últimos anos ás institucións de educación superior e o seu compromiso coa UDC é un dos seus sinais de identidade.

O prazo de presentación de solicitudes para o programa InTalent está aberto ata o 20 de setembro deste ano. Seleccionaranse dous novos investigadores que se suman aos investigadores InTalent que xa están traballando na UDC, Elena Pazos, co proxecto “Desenvolvemento de ferramentas químicas con aplicacións en biomedicina”, e José Antonio Cortés, co proxecto “Beneficios e impactos sociais das políticas de conservación ambiental na Europa post-crise: o caso galego”. O reitor resaltou a importancia deste programa de captación de talento para a Universidade da Coruña e aventurou un alto número de solicitudes apoiado polos datos da primeira convocatoria na que se presentaron máis de 140 curricula de case 20 países.

Máis información: http://www.intalent.udc.es/

Centro de Investigación en Filosofía da Ciencia e a Tecnoloxía
Ademais, o reitor anunciou a creación do Centro de Investigación en Filosofía da Ciencia e a Tecnoloxía que terá a súa sede no edificio do Salón de Actos do Campus de Ferrol e comezará a funcionar en setembro. Abalde asegurou que este centro “é unha aposta decidida polo perfil do Campus de Ferrol como campus industrial”. O obxectivo do centro de investigación explicou o reitor, “é unificar as actividades que se realizan na Facultade de Humanidades arredor da filosofía da ciencia e valorizar a importancia das humanidades no mundo da ciencia, a tecnoloxía e a empresa; que aínda que consideradas antagónicas, estase revelando cada vez máis a importancia do coñecemento humanístico na ciencia e a tecnoloxía”. “Este centro de investigación é unha aposta decidida polas Humanidades no Campus de Ferrol", ratificou Abalde.

Abalde comentou tamén na rolda de prensa o acordo ao que se chegou coa Xunta de Galicia para cumprir a sentenza sobre a demanda da UDC ao Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia, que se fallou a favor da universidade. O reitor declarou que a Xunta aportará 4,2 millóns de euros que a Universidade da Coruña recibirá distribuídos nas anualidades de 2018, 2019 e 2020. “As consellerías implicadas [Facenda e Educación] foron sensibles á petición da UDC de que esa compensación non supuxese merma das outras universidades galegas”, engadiu.

O Consello de Goberno aprobou outros puntos da orde do día como a modificación de varias normativas académicas.

Fonte: www.udc.es