Oficina CEER
 12-07-2017
EN ESPAÑA TRADÚCESE SOBRE TODO NOVELA CONTEMPORÁNEA, TANTO PARA PÚBLICO ADULTO COMO INFANTIL

As investigadoras de Bitraga editan un libro que retrata a nivel nacional o sector da tradución.

As autoras lamentan a práctica desaparición das axudas estatais e analizan a incidencia no sector das feiras.

“Coñecer a actividade tradutora dun país permite achegarse mellor a súa cultura e, neste senso, a tendencia en España non é diferente doutros países: traducimos sobre todo novela contemporánea, tanto para público adulto como infantil”, explica a profesora Ana Luna, investigadora principal do grupo Bitraga (responsable de idear e alimentar o Catálogo da Tradución Galega desde 2004) e editora, xunto as profesoras Iolanda Galanes, Silvia Montero e Áurea Fernández do libro La tradución literaria. Nuevas investigaciones, un volume colectivo de máis de 350 páxinas no que se fai un pormenorizado retrato do sector da tradución literaria en España no período 1980-2015.

Aínda que as editoras levan anos traballando na tradución literaria galega, nesta ocasión quixeron indagar sobre a tradución noutros espazos do Estado español e para logralo acudiron a especialistas doutras comunidades. Dada a imposibilidade de atender todas as culturas e linguas do territorio, seleccionaron as comunidades máis activas, amosando unha completa panorámica tanto da tradución de obra estranxeira ao español (Carmen Francí), coma dos fluxos de importación e exportación de referencias literarias en Cataluña (Pere Comellas), Galicia (I. Galanes) e País Vasco (Elizabete Manterola).

Ao longo da obra abórdanse aspectos teóricos e instrumentais da tradución, analizando os seus recentes fluxos nos principais campos literarios ibéricos, presentando estudos de caso escolmados por xénero literario e detallando os marcos teóricos dos máis recentes proxectos de investigación sobre tradución literaria en España. Alén diso, as autoras e autores ofrecen tamén un diagnóstico das minguantes axudas á tradución existentes no país e analizan a incidencia das feiras internacionais como lugar de negociación de traducións literarias.

Fernández Paz, Bernardo Atxaga e Mercé Rododera, entre os autores mais traducidos

O libro pon sobre a mesa como a tradución de literatura infantil e xuvenil xogou e aínda xoga un papel relevante no mercado de tradución ibérica, especialmente nas comunidades con lingua propia. “Este é un dos ámbitos nos que os fluxos de importación e exportación se nos presentan de modo equilibrado”, explica a profesora Iolanda Galanes, que fai fincapé en que desde Bitraga xa detectaran o marco ibérico como circuito preferente de exportación, da que son protagonistas autores como Agustín Fernández Paz (con 116 traducións en 16 linguas), Manuel Rivas (89 traducións en 25 linguas) e Rosalía Castro (33 traducións a 16 linguas). Esta mesma tendencia tamén se observa para o éuscaro (a literatura éuscara tradúcese maioritariamente ao español, catalán, inglés e galego) e ten en Bernardo Atxaga, Unai Elorriaga e Mariasun Landa os seus principais valores. Pola contra a cultura catalá consolidou un circuíto de exportación literaria preferentemente europeo, pero encabezado igualmente pola traducción ao español, seguido do francés, alemán, inglés e italiano, e con Mercé Rododera, Ramon Llul e Quim Monzó como autores máis traducidos.

Clásicos universais e autores como Paul Auster lideran o circuíto de importación

Polo que se refire aos circuítos de importación recíbense, segundo recalcan no libro, obras das seguintes culturas: española/inglesa, francesa, alemá e italiana. Nestas traducións teñen unha gran presenza clásicos universais como Conan Doyle, Shakespeare, Allan Poe e Agatha Christie, ou máis contemporáneos como Paul Auster.

Polo que respecta á situación da tradución galega é, segundo as autoras, a dunha comunidade na que a tradución é importante en parámetros semellantes a comunidades co mesmo marco de regulación. “O volume absoluto de traducións presenta valores cuantitativos intermedios entre Cataluña e o País Vasco e con valores relativos máis semellantes á primeira”, subliñan dende Bitraga, ao tempo que explican que os circuítos de edición de traducións son compartidos, sendo o europeo preferente como fonte de traducións, e o ibérico como preferente para a literatura galega e éuscara.

“Se ben se seguen a importar moitas obras da cultura anglosaxona, nas últimas décadas danse a coñecer autores doutras literaturas que apenas se lían en España como a xaponesa e as literaturas nórdicas, principalmente polo crecente interese dos lectores máis novos afeccionados ao cómic e as novelas nórdicas”, recalca Ana Luna, que lembra tamén que o falecido profesor da Universidade de Vigo, José Antonio Fernández Romero (1931-2011) ― Premio Nacional de tradución por Antología de la poesía nórdica traducido conxuntamente co poeta e dramaturgo Francisco Javier Uriz Echeverría ―, foi pioneiro na tradución destas literaturas con Historias islandesas (1982).

Poesía e obra dramática, os xéneros menos cultivados

O libro reflicte tamén como a poesía e a obra dramática seguen a ser os xéneros menos cultivados e menos seguidos polo público en xeral e, polo tanto, son tamén os que menos ingresos ofrecen. Esta realidade faise sentir tanto na creación como na tradución e, segundo afirman os galegos María do Cebreiro e Manuel F. Vieites, autores dos dous capítulos do libro dedicados a afondar nesta temática, trátase fundamentalmente dunha cuestión de compromiso coa cultura.

Novo espertar para a literatura das comunidades con lingua propia Outro dos feitos relevantes que pon sobre a mesa o libro é que as literaturas das comunidades con lingua propia analizadas (Cataluña, Galicia e País Vasco) comezan a espertar interese no exterior, algo que se produce logo dunha visibilización exterior desas culturas a través da súa literatura e que se acelera a partir do novo milenio. “Estas comunidades amplían exponencialmente o número de espazos co que entran en relación a través da tradución literaria e a partir de 2000 practicamente duplican o número de obras traducidas”, explica Galanes, que fai tamén fincapé en que este proceso de visibilización faise aínda máis evidente coa participación en feiras internacionais como é o caso da cultura catalá como invitada de honra na Feira de Frankfurt (2007) ou da cultura galega na da Habana (2008).

Fonte: duvi.uvigo.es