Oficina CEER
 18-07-2017
DESENVOLVEN EN MATEMÁTICAS UNHA FERRAMENTA QUE REDUCE CUSTES NA XESTIÓN DAS REDES DE TRANSMISIÓN DE GAS

O traballo derivou na creación dun software para Reganosa.

As redes de transmisión de gas ocupan miles de quilómetros e están xestionadas por un Xestor Técnico do Sistema centrado en primeira instancia en satisfacer a demanda dos consumidores sen ter en conta o custo. É dicir, o obxectivo primordial é garantir a seguridade do subministro, independentemente do gasto económico asociado.

Diante desta situación, o investigador Francisco José González Diéguez buscou na súa tese de doutoramento reducir eses custes e o autoconsumo das estacións de compresión –que empregan o propio gas coma combustible- e das plantas de regasificación –as que empregan o propio gas coma combustible- ao tempo que se cumpre coa seguridade do subministro.

Para levalo a cabo, propuxo a construción dun modelo matemático para a simulación de fluxo gas e para o funcionamento das estacións de compresión e das plantas de regasificación, ao que se aplica un teorema matemático de existencia. Este modelo sirve coma base para o deseño dun algoritmo de optimización que permite unha xestión eficiente das redes gas.

O traballo culminou coa creación do software GANESO (GAs NEtwork Simulation and Optimization), desenvolvido para a empresa Reganosa para apoiar a toma de decisións e que na actualidade o emprega na análise de distintos escenarios e como parte da súa estratexia de consultaría na súa filial Reganosa Servicios.

A tese ‘Modelización, simulación e optimización de redes de transporte de gas’, dirixida por Alfredo Bermúdez de Castro e Julio González Díaz, forma parte da colaboración con Reganosa comezada en 2011. Esta colaboración foi recoñecida en 2016 como o mellor caso de éxito de transferencia tecnolóxica en Galicia na categoría de grandes empresas pola Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación.

O tribunal que avaliou o traballo estivo formado por Carlos Vázquez Cendón, Carlos María Parés Madroñal e Emilio Carrizosa Priego.

Fonte: xornal.usc.es