Oficina CEER
 13-09-2017
EGERIA, UNHA MULLER PIONEIRA QUE RACHOU COS ROLES TRADICIONAIS

A Unidade de Igualdade convoca os premios que levan o nome da escritora galega.

Recoñecen a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos fin de grao e de mestrado.

Diversos estudos sitúan a orixe da viaxeira e escritora Egeria na Gallaecia no século IV. Muller pioneira en moitos aspectos, peregrinou a Terra Santa e, ao seu regreso, recolleu a súa experiencia no libro Itinerarium ad Loca Sancta, converténdose na primeira cronista de viaxes galega. O seu exemplo de muller aventureira, peregrina e escritora, toda unha pioneira rompendo roles de xénero na antigüidade, é o que tratan de preservar os Premios Egeria que convoca a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo para poñer en valor a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos fin de grao e de mestrado.

Os galardóns, que este ano acadan a súa cuarta edición, teñen como finalidade fomentar a inclusión da perspectiva de xénero na investigación e incentivar a investigación en xénero e os estudos feministas entre o alumnado. Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade, lembra que “dado que o TFG e TFM son realmente os primeiros traballos de investigación con rigor académico que realiza o estudantado, tratamos de integrar a perspectiva de xénero na súa carreira investigadora dende o primeiro momento, de xeito que non contemplen a posibilidade de investigar sen introducir a análise da categoría sexo ou xénero”. Así, a convocatoria “recoñece e premia os mellores traballos de investigación que incorporen esa perspectiva para visibilizar e valorar os estudos e investigacións de xénero e feministas co ánimo de que se tome conciencia de que esta investigación é fundamental para seguir avanzando nunha sociedade máis xusta e igualitaria”.

A esta convocatoria dos Premios Egeria poden concorrer traballos fin de grao e de mestrado realizados na Universidade de Vigo en calquera rama do coñecemento e presentados durante o curso 16-17, sempre que obtivesen unha cualificación mínima de 8. O xurado valorará a calidade do traballo, a relevancia da súa temática e metodoloxía, a aplicadabilidade das achegas feitas polo estudo, o uso da linguaxe inclusiva, a referenciación bibliográfica e o uso da lingua galega. A convocatoria comprende tres premios aos mellores traballos fin de grao con perspectiva de xénero: un no eido xurídico-social, outro no científico-tecnolóxico e outro en artes-humanidades. Cada unha das investigacións galardoadas recibirá un premio de 500 euros. Do mesmo xeito, outorgaranse tres premios aos mellores traballos fin de mestrado, de 600 euros cada un, para os mesmos eidos de investigación. O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de deste mes de setembro.

27 traballos presentados na pasada convocatoria
Anabel González Penín explica que “a receptividade destes premios foi moi boa” dende a primeira edición, “é unha convocatoria que o alumnado está esperando; temos unha media de 25 traballos presentados en cada edición e consideramos que é un bo número tendo en conta que ademais se exixe unha nota mínima dun 8 para poder presentarse o que supón unha preselección automática”.

Na pasada edición presentáronse 27 traballos e o xurado seleccionou para os galardóns proxectos que abordaban temas tan diversos como os piropos, a rotura da heteronorma, o alumnado transexual, a mirada feminina no cine, a incorporación da muller rural á vida profesional e os estereotipos de xénero nos contos de fadas. Na súa maioría premiáronse investigacións do eido xurídico social, xa que a este eido “pertencen, entre outras, as áreas de educación e traballo social cuxo PDI é moi activo en cuestións de xénero e iso, afortunadamente, ten consecuencias moi positivas para o alumnado que sae da Universidade mellor formado nese aspecto e pode transferir eses coñecementos á sociedade para cambiala”, explica González Penín. Porén, “segue sendo un reto concienciar de que a perspectiva de xénero non é algo circunscrito a determinados ámbitos de coñecemento senón transversal a todo o coñecemento e desenvolvemento humano, está inmersa en todas as ordes da vida”. Considera imprescindible implicar máis ao profesorado dos ámbitos científico e sobre todo tecnolóxico, “afastado tradicionalmente dos estudos de xénero” pero, en calquera caso, aprecia avances e cada vez “hai máis interese porque se comprende que o futuro é demasiado importante para deixalo só en mans dos homes”, conclúe.

Fonte: duvi.uvigo.es