Oficina CEER
 19-09-2017
A SEXTA EDICIÓN DAS NERDNITES COMEZA CUN MONOGRÁFICO DE ASTROFÍSICA

As NerdNites inician o seu sexto ano de vida cunha sesión este mércores 20 ás 21:30 horas no Café Casino (rúa do Vilar, 35). Nesta ocasión a xornada dedicarase enteiramente á astrofísica, en sinerxía co congreso ‘The road to the stars’ organizado na USC polo Instituto de Ciencias do Patrimonio.

A profesora de astronomía e astrofísica da Universidade de Vigo Ana Ulla Miguel intervirá coa charla ‘55 Cancri e, Proxima b, TRAPPIST-1...; vaia nomes que teñen!’. Pola súa banda, o catedrático de astronomía da Universidade de Valencia Vicent J. Martínez chega á NerdNite con ‘Máis aló hai dragóns’.

Por último, o profesor de astronomía da Universidade de Victoria (Canadá) Julio Fernando Navarro falará de materia escura e enerxía escura, “as dúas forzas misteriosas que dominan o Universo”.

Fonte: xornal.usc.es