Oficina CEER
 20-09-2017
UNIVERSIDADE E DEPUTACIÓN ALÍANSE PARA FORMAR EN IGUALDADE A PROFESORADO E ALUMNADO

Grazas ao convenio asinado este martes para pór en marcha un curso con 40 prazas.

Impartido por María Álvarez Lires e Azucena Arias, desenvolverase entre outubro e marzo.

Grazas ao convenio de colaboración asinado este martes no Pazo Provincial, a Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Pontevedra impulsarán un programa de formación en igualdade dirixido tanto ao profesorado e alumnado universitario como ao persoal docente dos centros dependentes da institución provincial e dos centros de ensino dependentes da Consellería de Educación. O ente provincial financiará, con máis de 7000 euros, este curso formativo coordinado polas profesoras María Álvarez Lires e Azucena Arias, que conta cun total de 40 prazas e que se desenvolverá no campus entre o vindeiro mes de outubro e marzo de 2018.

“Este é un acordo importante polo seu contido e o seu significado”, salientou Mato trala sinatura dun convenio que se enmarca no protocolo marco de colaboración que as dúas institucións asinaron en 2015 e que está a contribuír “a que esteamos facendo cada vez máis traballos conxuntos para chegar cos nosos coñecementos á sociedade”. O reitor, que estivo acompañado neste acto polas responsables do programa e polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, puxo o acento na importancia de impulsar a formación en igualdade “nun momento fundamental”, no que a loita pola igualdade, tras anos dun avance “progresivo pero moi lento”, está a sufrir “un proceso claro de involución”.

Nesa mesma liña pronunciouse a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen falou dun “claro retroceso” na loita pola igualdade real entre mulleres e homes, motivo polo que salientou o acordo asinado nesta xornada como “un convenio moi valioso polo que significa, porque estamos a defender ideas”. Nese senso, Silva defendeu que “investir en igualdade é investir en democracia, na visibilización do talento da nosa provincia”, tendo en conta ademais que “a maioría das tituladas universitarias son mulleres”. A presidenta da Deputación salientou así mesmo á Universidade de Vigo como “un referente” polo seu compromiso en materia de igualdade. Nese punto, o reitor lembrou que a institución académica atópase executando o seu segundo Plan de Igualdade e que conta “cun clúster de investigadoras moi importante en estudos de xénero”.

Formación presencial e en liña
Dirixido a favorecer o desenvolvemento de propotas de intervención en todos os niveis de ensino, entre os contidos deste curso enmarcado na Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación figuran cuestións como a detección do sexismo, os estereotipos de xénero, o uso dunha linguaxe inclusiva, a lexislación aplicable en materia de igualdade no ámbito do ensino e “aspectos que teñen que ver coa invisibilidade das mulleres nos libros de texto e nas disciplinas científicas”, como detallou Álvarez Lires. “Aínda que está destinado a profesorado e alumnado da Universidade, tamén está aberto ao profesorado dos centros educativos dependentes da Xunta e ao persoal da Deputación, xa que é un curso que pode ser útil para un amplo colectivo de persoas”, engadiu da actividade que se impartirá en Ciencias da Educación e do Deporte e na Escola de Enxeñaría Forestal.

Composto por dous módulos, un por cada cuadrimestre, en ambos combinarase a formación presencial coa virtual a través da plataforma eduponte.cesga.es, grazas ao convenio asinado entre a institución académica e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga). “O curso conta cunha primeira parte de formación básica, unha primeira toma de contacto na que poñer as gafas de ver a desigualdade e no segundo profundaremos un pouco máis nas súas temáticas”, engadiu Arias dun programa formativo que busca en primeiro termo contribuír “á detección da desigualdade”.

Fonte: duvi.uvigo.es