Oficina CEER
 28-09-2017
XA SE PODEN PRESENTAR CANDIDATURAS AOS PREMIOS VALENTÍN PAZ ANDRADE DE INVESTIGACIÓN EN ECONOMÍA DE GALICIA

O Premio ‘Valentín Paz Andrade’ de investigación en Economía de Galicia destacará aqueles traballos que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económico-social desta comunidade e ao establecemento das mellores políticas para contribuír ao benestar dos seus cidadáns. Esta convocatoria de carácter anual está impulsada polo Consello Económico e Social de Galicia e o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA).

O premio contempla dúas modalidades, ao destacar aqueles traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas entre o 15 de outubro de 2016 e o 14 de outubro de 2017, así como as teses de doutoramento presentadas en calquera universidade entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 14 de outubro de 2017. O textos poderán estar redactados en calquera idioma.

A proposta de candidaturas poderán realizala ata o próximo 15 de novembro de 2017 calquera docente, investigador ou institución a través da secretaría do IDEGA en horario de 9.00 a 14.00 horas ou ben por correo postal ao mesmo Instituto Universitario no enderezo: Avenida das Ciencias, Chalet 1 Campus Vida, 15782 Santiago de Compostela. A proposta levará indicación de autoría, título e información de edición, engadindo unha copia en papel e referencia dun mecanismo de acceso electrónico ao recurso (ou copia en soporte USB).

O xurado conformarano o reitor como presidente, a presidenta da Consello Económico e Social de Galicia, o director do IDEGA (secretario), un membro designado polo IDEGA e outro polo Consello, xunto con tres persoas de traxectoria recoñecida na investigación en Ciencias Sociais en Galicia. A súa resolución terá en conta a relevancia da contribución para o progreso do coñecemento da realidade socioeconómica de Galicia, así como para a mellor asignación dos recursos, o impulso ao crecemento, ao emprego e á consecución de cotas máis altas de equidade. O ditame farase público antes do 20 de decembro de 2017 e leva asociados dous premios en metálico, de 2.000 euros para os traballos publicados en revistas e de 1.000 euros para as teses de doutoramento.

Fonte: xornal.usc.es